Aprazado o desfile de Piñata de Celanova previsto para este sábado polas malas previsións meteorolóxicas

O tradicional desfile de Piñata de Entroido de Celanova, previsto para este sábado, 8 de marzo, queda aprazado polas malas previsións meteorolóxicas. O temporal de choiva e frío imposibilita a celebración desta cita, unha das máis esperadas do Concello, que queda aprazada ata o sábado 29 de marzo, iso si, “sempre e cando as circunstancias meteorolóxicas o permitan”, tal e como afirman dende o Concello a través dun comunicado.
Ademais, os responsables municipais explican que, “tal e como se indica nas bases”, o Concello porase en contacto cos participantes facilitar o número correspondente da orde na que participarán no desfile. A corporación ponse a disposición dos afectados “para aclarar dúbidas e aportar máis información”, entendendo as complicacións que esta decisión poida supoñer para os participantes.