Aprobada no Pleno do Concello de Ourense a iniciativa socialista para reabrir o Museo Municipal
Os socialistas do Concello de Ourense lograron o respaldo do resto de grupos da oposición para aprobar unha iniciativa que insta ao goberno local a reabrir o Museo Municipal de Ourense e estudar a ampliación das súas instalacións a través da adquisición da Casa das Cadeas. “Propoñemos tamén un enfoque no eido educativo do museo a través da elaboración e posta en marcha de programas dirixidos a estudantes de diversos ciclos”, destacou a edil do PSdeG Alba Iglesias.
Incidiu en que sería imprescindible o desenvolvemento de programas conxuntos con universidades e centros de investigación para fomentar o estudo e profundar na historia local, fortalecendo así o vínculo entre o edificio e a comunidade académica e potenciando o seu papel como referente cultural. “E para garantir a calidade e o atractivo das exposicións entendemos relevante a colaboración permanente con historiadores, arqueólogos e expertos en museografía, que colaborarían no deseño dos contidos –combinando rigorosidade académica con elementos interactivos e multimedia para ofrecer tamén entre as súas paredes unha experiencia educativa innovadora e accesible para tódolos públicos–”, subliñou.
O 1 de outubro de 2021, o goberno do actual alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, pechou o Museo Municipal coa promesa de trasladar a súa actividade expositiva ao Centro Cultural Ángel Valente para “mellorar a difusión cultural”. “Desde entón –lamentou a socialista na súa quenda– este espazo renacentista, restaurado no ano 1985, quedou abandonado e sen un proxecto claro, mentres se prantexaban varias ideas que desvirtuaban o mesmo como destinar a infraestrutura a un museo do Entroido ou do viño”.
Ante as palabras do rexedor, aseverando que non entendía como o PSOE podía presentar unha moción que pide máis investimento en cultura mentres se nega a respaldar as modificacións de crédito do executivo local, a concelleira respondeu que votan en contra porque non se cumpren “procedementos”, non se ensinan “facturas”, non se dan “explicacións” e se abusa dos “contratos menores”.
“Gasta diñeiro en taxis, en paparotas e logo non paga aos e ás traballadoras, non paga a provedores, non paga as obras que xa fixo, non paga as rampas… Que si, as rampas de mobilidade vertical si que teñen unha pegatina, señor Jácome: pufos”, rematou contestando.