Aprobados os orzamentos do Consello Municipal de Deportes de Ourense fronte ás críticas de PSOE e BNG

OurenseXa
O PP apoiou a proposta de Democracia Orensana que contempla un proxecto orzamentario de 5.255.400 euros
Concello de Ourense
24 Apr 2025

O Consello Reitor aprobou este mediodía o proxecto de orzamentos do Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense para o ano 2025, por un importe total de 5.255.400 euros. Na sesión, que se desenvolveu este mediodía no salón de plenos, o acordo foi aprobado cos votos a favor dos representantes dos grupos municipais de DO e PP, e a abstención de PSdeG-PSOE e BNG.

Como avanzara esta semana o goberno municipal, as contas do organismo autónomo aumentan un 27%, “coa finalidade principal de manter o nivel de prestación de servizos actuais da entidade”.

A aprobación dos orzamentos do CMD é un requisito previo para levar a debate diante do Pleno, durante o próximo mes de maio, os orzamentos do Concello de Ourense. Segundo avanzou esta semana o alcalde, experimentarán un incremento dun 13%, ao pasar de 103 a 116 millóns de euros.

Críticas por parte do PSOE e do BNG

Dende o grupo municipal socialista consideran que o orzamento do Consello Municipal de Deportes (CMD) para 2025 proposto dende o goberno de Gonzalo Pérez Jácome resulta “continuísta” e conforma “unha simple liquidación”, que deixa no aire asuntos esenciais como a “comprometida liña 3 de subvencións por concorrencia competitiva demandada pola oposición” do Concello de Ourense.

Neste liña, inciden en que a ausencia deste compromiso “avoca de novo á posible aparición de modificacións de crédito para pagar nominativas a dedo e de maneira discrecional” como xa aconteceu en anos anteriores. “Trátase dun sistema que rexeitamos porque, obviamente, non se basea en criterios obxectivos; senón que o seu principal motor é comprar vontades obviando as necesidades reais dos clubs e entidades deportivas da cidade”, defende a edil do PSdeG María Fernández Ojea logo da reunión do CMD deste mediodía no que se aprobou o presuposto para todo o ano.

Entenden as concelleiras do grupo municipal socialista que resulta vital apostar polo deporte dende a Administración local co consenso das diferentes formacións políticas con representación institucional e que, no actual orzamento aprobado, “non se subsana o déficit de infraestruturas que padecen algúns clubs e equipos da cidade nin un incremento do investimento para o mantemento das mesmas”.

“Tamén consideramos insuficiente neste proxecto a aportación para o acondicionamento das instalacións deportivas existentes, a aportación para deportistas a nivel individual que solicitamos este ano ou a aportación para os importantes eventos deportivos que terán lugar en Ourense no que resta de 2025”, engade a voceira do PSdeG no Concello, Natalia González Benéitez.

Así as cousas, as socialistas botan en falta no presuposto o proxecto deportivo do goberno de Democracia Orensana e o incremento de novas liñas de axuda e investimentos para promover o deporte en todas as súas vertentes.

Para o voceiro do BNG, Luís Seara, “resulta sorprendente como o Goberno Local pretende sacar peito dunhas contas que leva 5 anos sen actualizar en tempo e forma, tentando trasladar que o incremento que se produce é debido a un importante esforzo e a unha aposta clara polo deporte no Concello. Nada máis lonxe da realidade, e basta con botar un vistazo ao propio Orzamento”.

E é que máis alá dos incrementos que se producen en determinadas partidas, consecuencia das necesarias actualizacións de prezos así como do capítulo de persoal, para o BNG resulta especialmente chamativo que a única proposta realizada polo Goberno Jácome ao longo dos últimos anos en materia deportiva, non apareza contemplada nas contas.

“Hai meses presentóusenos unha proposta para crear unha nova liña de axudas a clubes e entidades deportivas á marxe das xa existentes liña 1, para a celebración de eventos, e da liña 2, aquela na que os clubes e entidades obteñen subvencións por concorrencia competitiva”. Luís Seara sinala que “díxosenos entón que ía crearse una liña 3 consistente na concesión de subvencións nominativas aos clubes e ás entidades que o Goberno Local considerase merecedoras de dita axuda”.

“Non deixa de ser curioso como variou o pensamento do Alcalde neste senso pois pasou de criticar intensamente as subvencións nominativas cando estaba na Oposición a convertelas na súa única proposta en materia deportiva en 5 anos de goberno”.

Desde o BNG advirten que “tal e como temos manifestado en moitas ocasións, nós estamos absolutamente en contra deste sistema de reparto de axudas e mesmo presentamos no seu día unha proposta alternativa consistente en introducir a cantidade destinada a este tipo de axudas na aportación da liña 2, a da concorrencia competitiva, para que todos os clubes e entidades visen incrementadas as axudas recibidas”.

O sorprendente para Luís Seara é que “no Orzamento que se nos presenta non aparece por ningures esta nova liña 3, nin está creada nin ten partida orzamentaria e o que se nos advirte é que é vontade da presidencia levala a cabo pero a través de posteriores modificacións de crédito” e engade, “é unha tomadura de pelo coa que pretenden, chegado o momento, responsabilizar a Oposición e enfrontarnos aos clubes e as entidades deportivas vendéndolles o favor e acusándonos aos demais de non querer axudar ao noso tecido deportivo”.

Outra das partidas que máis renxe no BNG é a relativa aos investimentos en reparación, mantemento e conservación de edificios e na de reparación, mantemento e conservación de maquinaria “na que apenas se orzamentan 10.000 euros, cantidade irrisoria, argumentando que calquera investimento maior deberá ser sufragado co remanente xeral do Concello ou coas aportacións que fagan outras administracións, argumentos que para nós non son suficientes pois as deficiencias existentes témolas detectadas xa a día de hoxe e polo tanto a súa subsanación sería máis doada se xa estivesen orzamentadas”.

Por estes e por algún outro motivo é polo que o Grupo municipal do BNG ven de absterse na votación desta mañá xa que “non podemos validar unhas contas tramposas e que non respostan ás necesidades actuais do deporte en Ourense”.

⚙ Configurar cookies
0.17142009735107