Arantza Portabales, escritora: "Non hai xéneros bos e malos; hai novelas boas e malas"

GaliciaXa | OurenseXa
A autora, que inaugura este xoves o Ourense Black, conta por que chegou tarde á escrita, como é escribir en galego e en castelán e cales son os prexuízos que aínda rodean o xénero
Arantza Portabales
Foto: @reclip
26 Nov 2026

Arantza Portabales comezou a escribir pasados os 40 anos e hoxe é unha das autoras de novela negra máis lidas de Galicia, con dúas sagas ás costas e o Premio Clubes de Lectura 2024. Este xoves 26 de novembro abrirá o Ourense Black, o primeiro festival galego de novela negra, coa charla 'A xeografía do segredo' no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Na conversa con OurenseXa fala do bo momento do xénero, dos prexuízos que aínda arrastra, do papel da lingua galega e do que significa escribir en dous idiomas. E faino con humor: do tobogán que a empurrou a escribir á ponte de Ourense desde a que, di entre risos, tiraría a alguén. En ficción, claro.

 

Este ano celébrase por primeira vez en Galicia un festival adicado á novela negra, o Ourense Black. Que significa para ti estar nesta primeira edición?

É xenial, porque os que escribimos novela negra pasamos a vida de festival en festival e non había ningún en Galicia. E si que é verdade que teño traballado coas organizadoras noutros festivais e, cando me chamaron, non dubidei. É un pracer. Sobre todo que a xente de Ourense aproveite, porque veñen grandes nomes da novela negra, e este tipo de cousas que levan tanto esforzo en facer despois teñen unha acollida boa e volven repetirse no tempo. Iso é ben para todos.

O xénero ten moitísima acollida, estamos nun nivel de vendas moi alto. Concretamente, o noir galego tamén vive un momento superimportante. Estamos facendo un tipo de novela negra que dista moito da que se facía nos anos 80, que prácticamente sucedía nas grandes cidades, e ademais estaba escrita por homes. Entón, é verdade que estamos nun momento marabilloso, pero á xente tamén lle gusta tomar contacto cos autores. E iso que ofrecen os festivais non o ofrecen nin as redes sociais, nin os libros, incluso nin as presentacións, que son momentos moito máis encorsetados nos que hai menos interacción. O festival dáche a oportunidade de reunir un montón de figuras que admiras e de repente coinciden na túa cidade. Eu tamén son lectora e asisto, e para min sempre é moi interesante ver o que din os compañeiros.

E despois, como escritora tamén está a outra parte: o contacto co público, os que se achegan, os que te coñecen por primeira vez, os que te coñecen desde hai moito, os que son fans, os que nunca escoitaran na vida falar de ti. Ao final é un momento de interacción, un caldo de cultivo para sementar o que vén despois. Ademais, hai moi pouca cultura de contacto cos autores. Hai moitísima xente que me vén ás presentacións e me di: "nunca estivera nun acto cultural, é superdivertido". A xente ten na cabeza que a cultura é aburrida, e este tipo de actos o que fan é fomentar este contacto entre a escrita e o público, que diso se trata.

 

Este xoves participas na charla 'A xeografía do segredo'. Que segredos dirías que garda o territorio galego? Concretamente o rural, que pode ser un bo escenario para o crime.

Teño dúas sagas. A primeira, que foron os detectives Abad e Barroso, transcorría en Compostela. Esta segunda está transcorrendo en Pontevedra, nun pobo moi pequeno que é Loira - na novela chámase Loeiro -. Realmente, o pobo pequeno o que che dá é a posibilidade de ser un pouco o entomólogo que está observando o formigueiro, ver desfilar todas as formigas. Canto máis pequeno é o lugar, menos hai que poñer a lente. Como dicía a nosa querida Miss Marple, a natureza humana é igual en todos os sitios.

Cando falamos de xeografías, gústanos moito pensar: "isto pasa nunha aldea galega". Pero despois eu vou por toda España e dime a xente: "a miña aldea é igual". E dá igual que sexa de Granada, de Estremadura, do Bierzo, de Madrid ou de Albacete. Eu sempre digo que as xeografías que me gustan son as humanas: gústame falar da xente, do que lle pasa, do que agocha.

 

Este ano veñen moitos autores do ámbito da literatura e do xornalismo. Que esperas dese cruce de miradas?

Todos os festivais supoñen unha posta en común, unhas experiencias distintas. Xa levo moitos ás miñas costas, teño un calendario de festivais todos os anos moi importante. Estiven nos máis grandes e nos máis pequenos, e ás veces, canto máis pequeno é o festival, moitísimo máis grande é a resposta. O outro día estiven nun pobo de 4.000 habitantes de Albacete, en Villamalea, e aquilo estaba a rebentar. Precisamente, cando nos pobos pequenos se fan cousas, a resposta é grande.

Que agardar? Pois nunca se sabe que agardar, é o bonito dos festivais. Pasan cousas (risas). O que agardar é tomarlle o pulso ao xénero, ver que está máis vivo ca nunca, que á xente lle gusta o misterio, a literatura de evasión —que non está reñida coa calidade, é algo que se confunde moito—, e longa vida á novela negra e ao festival de Ourense, por suposto.

 

Que papel consideras que xoga a lingua galega no xénero negro?

Desde 'Crime en Compostela' de Reigosa estamos vivindo unha achega cada vez maior ao misterio. Non me considero escritora de misterio, porque toco moitas outras cousas, pero é verdade que nos últimos anos as miñas sagas de misterio están acadando moitísimo éxito. Sempre digo que teño dous grandes referentes na literatura galega: un é Domingo Villar e o outro é Diego Ameixeiras.

Penso que é importante que a literatura na nosa lingua acade espazos nos que a xente o pase ben. Xente que descubra que ler é divertido tamén na nosa lingua. Penso que estabamos moi faltos de coller o costume de ler na nosa lingua. Hai moitísima xente que traballa na nosa lingua e que fala a diario en galego e, sen embargo, á hora de ler, como de pequenos liron en castelán, van directos ao castelán. Entón, que haxa produtos de éxito, xente que está vendendo moito en galego para adultos e non só a través do circuíto do ensino, é supernecesario. Canto máis éxito acade a novela en galego, penso que é ben para todos.

 

Cando escribes en galego ou en castelán, cambia a historia, ou incluso ti, segundo o idioma?

A historia non muda, eu fago as dúas versións das miñas novelas. Pero non fago unha tradución, é completamente imposible. Porque as cousas, cando as contas na túa cabeza, son distintas nos distintos idiomas. Sempre digo que son un caso moi raro, porque nacín no País Vasco, vivín alí ata os trece, estudei alí tres anos da carreira. Iso quere dicir que a miña lingua natural é o castelán porque alí me criei. Pero tamén é verdade que traballei vinte e seis anos na Administración Pública, co cal, cada vez que me poño a escribir, aínda que o faga en castelán, na terceira liña xa me paso ao galego porque levo moitísimos anos escribindo en galego. Para determinadas cousas estou máis cómoda nunha lingua e para outras na outra. A única realidade que se esconde detrás de todo isto é que escribo mal nos dous idiomas. (risas)

É algo que á xente lle chama moitísimo a atención: en cal escribín primeiro. Primeiro escribes unha versión, despois outra. Levo dez libros, algúns foron primeiro en galego e outros foron primeiro en castelán, en función dos tempos editoriais e de quen fai o editing. A meirande parte foron primeiro en galego. Pero para min a pregunta xa está viciada, porque parte da idea de que o que se escribe primeiro é o orixinal, cando realmente o orixinal é a historia.

Outra cousa é que fose tradutora, que tivese que traducir a versión de alguén. Evidentemente, tiña que ir á literalidade ou ao que quere dicir o autor. Pero eu estou escribindo a mesma historia en distintos idiomas, e iso quere dicir que vou ter en conta o ritmo, a música, a cadencia. Entón, conto o mesmo, pero igual non pon exactamente o mesmo. É algo difícil de entender, un proceso que só entenden as persoas que escriben en dúas linguas —que son moitas—.

 

Publicaches o teu primeiro libro con 42 anos. Como foi ese salto e como organizas o tempo para escribir?

Pois era unha señora mamá funcionaria esposa, volvínme tola  - podía darme polo ximnasio, polo croché - e estaba ata os pelos de ver a dúas nenas tirarse por un tobogán (risas). E decidín facer algo para min, que ese algo foi escribir. Empecei facendo microrrelatos e acabei cunha excedencia e dez libros publicados. Dise moi rápido, pero penso que se entende fácil.

 

E como inflúe a túa formación e o teu traballo na maneira de plantexar tramas ou nos personaxes?

A miña editora de Madrid dime sempre que se nota moito que son funcionaria porque son moi disciplinada, organizada e cumpro todos os prazos, e dime: "debes de ser a única escritora que cumpre todos os prazos". (risas)

Estudei Dereito, pero sempre me movín nun ámbito que absolutamente nada ten que ver coa miña literatura. Eu era do Corpo de Finanzas e, aínda que fose de Dereito, non tiña nada que ver nin con Criminoloxía, nin con Dereito Penal, nin con nada. Si que é verdade que, ao final, ter unha formación xurídica axúdache para coñecer moitos eidos da vida que acabas aproveitando nos libros, pero non teño ningún tipo de formación específica. Eu penso que a min, o que me axudou de verdade para ser escritora, foi ser lectora. Non concibo un momento da miña vida en que non tivese un libro ao meu carón. Leo desde que aprendín —e aprendín moi noviña, con cinco ou catro anos—. Son apaixonada da lectura e penso que o escritor se fai lendo, que non hai outra forma de facer un escritor.

Eu nunca pensei na vida que sería escritora. Non escribín nunca ata pasados os 40 anos. Lía para ser lectora. Penso que o amor pola literatura acabou calando.

 

Hai persoas que teñen prexuízos coa novela negra. Consideras que segue a haber prexuízos ou que cambiou algo esa percepción?

Si, moitísimo. Prexuízo normal de "Marilyn é tonta porque é loura, as novelas negras son malas porque son comerciais". Estamos afeitos os que facemos este xénero. Todos lemos novelas negras malas, pero tamén lemos moitísima xente que escribiu obras mestras da literatura. 'O nome da rosa' é unha novela negra e á xente non lle gusta dicilo, pero é unha novela policial. A premisa é un señor que chega a un mosteiro a adiviñar quen mata a quen e vanse cometendo crimes. Pero ademais hai que dicir que é unha novela histórica porque, se non, non pode ser unha boa novela, non?

Hai xente que me di: "escoiteite falar, non falas tan mal. Como fas novela negra, a ver cando fas unha novela de verdade". Non hai xéneros bos e malos; hai novelas boas e malas. E despois hai novelas comerciais que poden ser boas ou non. Parece que todo ten que ser tan difícil de ler como 'Ulises' de Joyce para que a xente diga que a obra ten calidade. Pois eu só escribo para unha cousa: para que a xente o pase ben cando le. Penso que ás veces esquecemos que a lectura non só é un instrumento de coñecemento —que o é—, pero hoxe en día hai milleiros de instrumentos de coñecemento. Entón penso que agora hai que reivindicar máis ca nunca a lectura como lecer, como ocio e como a necesidade de non estar todo o día colgados de Instagram facendo scroll. Chega o momento de reivindicar o que facemos, e o que facemos é o que se fixo desde a época dos mamuts: reunirse ao redor do lume a escoitar unha historia.

 

Cal é a túa relación con Ourense? Como percibes a cidade como un espazo literario ou un lugar para un festival?

A cidade é marabillosa. Eu cada vez que paso quero tirar a alguén desa ponte e matalo (risas). Non o desboto como territorio literario; para min toda Galicia é un enorme mapa literario. É verdade que, ao final, penso que todos tiramos máis de onde somos, pero como escenario a min paréceme unha cidade brutal. Ademais é moi extrema, que é algo que a min me gusta moito, de moita calor en verán e moito frío en inverno, e con esa marabillosa zona vella. Haberá que pensar se algún día me poño a tirar a alguén polas pontes abaixo. (risas)

 

Se o festival fose unha novela negra, como a titularías e como remataría?

Eu penso que a titularía 'O ano en que matamos perigosamente'. E penso que remataría con moitos escritores mortos, sobre todo os que venden máis ca min. (risas)

0.16213417053223