Arranca unha nova edición do Verán na Mocidade de Allariz

OurenseXa
O campionato de matraquillo e un obradoiro de podcast abrirán unha programación que inclúe saídas, formación e competicións deportivas ata o mes de setembro
verán-na-mocidade-allariz-2026
15 Jul 2026

A programación de verán da Casa da Mocidade de Allariz arrinca esta semana cun calendario de actividades dirixido á mocidade de entre 13 e 33 anos. As propostas inclúen obradoiros, campionatos e saídas que se desenvolverán entre os meses de xullo e setembro.

As primeiras actividades celebraranse este mércores e xoves, 15 e 16 de xullo, co campionato de matraquillo. O mércores 16 tamén terá lugar, entre as 10:00 e as 13:00 horas, a primeira parte dun obradoiro de podcast, no que as persoas participantes poderán aprender os conceptos básicos para crear contido desde cero.

A programación continuará a finais de xullo cunha saída de tres días, do 28 ao 30, a Ferrol e San Andrés de Teixido. A actividade inclúe praia, pádel surf e sendeirismo e terá un prezo de 100 euros para o público xeral e de 80 euros para as persoas residentes.

No mes de agosto están previstas novas propostas, entre elas unha excursión a Cerceda o día 13, cun custo de 15 euros, ou de 12 euros para residentes. O día 20 desenvolverase un obradoiro de mecánica básica de bicicletas no Seixo e os días 19 e 20 celebrarase un campionato de ping pong.

A programación completarase en setembro cun campionato de xadrez o día 6, un obradoiro sobre privacidade na internet o día 3 e unha saída á Terra de Trevinca os días 12 e 13 de setembro, cun prezo de 100 euros, reducido a 80 euros para persoas residentes.

As inscricións deberán realizarse de maneira presencial na Casa da Mocidade. O Concello informa de que as prazas terán prioridade para a mocidade de entre 13 e 33 anos e lembra que todas as actividades se desenvolverán en galego. Ademais, a programación promove a desconexión dixital durante as actividades, agás no obradoiro específico sobre privacidade na rede.

0.13509488105774