Arrancan as obras de pavimentación na vía que une a rúa da Canle e Pereiro de Aguiar

OurenseXa
A obra conta cun orzamento de licitación de 621.357 euros e un prazo de execución de 3 meses
Inauguración das obras na rúa da Canle
Inauguración das obras entre a rúa da Canle e Pereiro de Aguiar
25 Feb 2025

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, acompañado por concelleiras e concelleiros do goberno municipal asistiu este luns ao inicio das obras de pavimentación de vía que vai desde a rúa da Canle, nas proximidades do Auditorio Municipal, até o límite do Concello de Ourense co do Pereiro de Aguiar.

O proxecto, cun orzamento de licitación de 621.357,81 euros, busca a mellora dunha vía de comunicación que ten unha especial relevancia, xa que dá acceso ao Parque de Montealegre, ao Centro de menores, a unha urbanización, e ás instalacións deportivas e ao parque acuático de Monterrei, ademais de ao parque empresarial do Pereiro.

Gonzalo Jácome subliñou a importancia desta “esperada” obra, que cualificou de “fundamental” para Ourense, e que fora moi demandada pola veciñanza tanto de Ourense como do Pereiro. “En realidade, é toda a metrópole de Ourense a que se vai beneficiar: o que é bo para a cidade é bo para os concellos lindeiros e viceversa”, asegurou.

As obras foron adxudicadas á empresa ourensá Extraco S.A. e teñen un prazo de execución de 3 meses.

O concelleiro de Obras Públicas, Francisco Lorenzo, e o xefe de obra, Óscar González, detallaron os aspectos máis destacados da obra, que se desenvolverá nun treito dunha lonxitude aproximada de 3,35 km cun ancho variable entre os 4 e os 7 m. Debido ao estado no que se atopa o pavimento, será preciso executar o fresado do firme existente e a súa regularización para estender posteriormente a capa de rodadura de 5 cm de espesor. Tamén se instalará sinalización horizontal e vertical e executaranse melloras na vía para a recollida das augas de escorrentía.

⚙ Configurar cookies
0.0677330493927