Arrancan en Ourense os 'Roteiros de Cine'

OurenseXa
O OUFF 2024 convida ao público a coñecer distintos lugares da provincia onde se rodaron coñecidas películas e series
roteiros-ourense-de-cine
'Ourense de cine'
1 Out 2024

O Ourense Film Festival (OUFF) comezou este luns, 31 de setembro, unha das actividades máis populares do certame. Trátase da iniciativa 'Ourense de cine', unha proposta de tres roteiros pola provincia para mostrar ao público os lugares onde se rodaron coñecidas películas e series.

Os roteiros comezaron na cidade de Ourense e pasarán por lugares urbanos ou paisaxes naturais, mostrando a diversidade e beleza que fan da provincia uno dos lugares de referencia para o cinema. A actividade conta co apoio de Turismo de Galicia.

Os asistentes visitaron lugares como a Praza Maior, a Zona vella, As Burgas ou a Catedral, espazos vinculados ás películas 'Los girasoles ciegos', 'A esmorga', '13 exorcismos', 'Cuñados', 'O home e o can', 'Hospital Central', 'Pelerinaxes', 'Santoalla' e 'Años después', para continuar a súa visita en Pazos de Arenteiro, pasando polos escenarios da película de Isabel Coixet, 'Elisa e Marcela': a Iglesia San Salvador, a contorna do río Arenteiro ou a casa das protagonistas do filme. Posteriormente, realizaron unha parada en Moldes, lugar de rodaxe de 'Elisa e Marcela' e tamén da Esmorga, para ver a igrexa románica de San Mamede de Moldes ou a carballeda.

O seguinte roteiro terá lugar o mércores, 2 de outubro e dará comezo ás 9.30 horas no Pazo Provincial da Deputación de Ourense, cunha parada na Alameda ás 10:00 horas. Desde aí a visita pasará por Esgos, para coñecer as localizacións da película 'Live is life', de Dani da Torre, en San Pedro de Rocas. Ás 12:00 horas, en Allariz, os filmes protagonistas serán 'A lingua das borboretas', 'La virgen de cristal' e 'Cuñados', que se filmaron en lugares como a Ponte Romana, a Praza de Abaixo, Rúa da Cruz, o convento de Santa Clara ou a taberna O Pepiño.A visita continuará en Celanova, visitando o Mosteiro, a Praza Maior, a Alameda e a placa conmemorativa “bosque do lobo”. Estes lugares foron escenario das rodaxes de 'Elisa e Marcela', 'Años después', 'El desorden que dejas ' ou 'El bosque del lobo'.

O terceiro dos roteiros, programado para o venres, 4 de outubro, sairá de Ourense para ir ata San Clodio e Leiro, onde o Mosteiro de San Clodio e a Ponte Medieval, foron escenario das rodaxes de 'Los girasoles ciegos' e 'Cuñados'. Ás 11:30 horas visita trasládase ao Museo do Viño de Galicia, onde se gravou a curta de fillas de Ribeiro e Viñedos. Despois, en Ribadavia, a visita pasará polo barrio xudeu, a Taberna do Papuxa, a Igrexa de San Antón ou o río Avia. Estes foron escenarios dos filmes 'A Esmorga', 'Cotolay', 'El desorden que dejas' e 'Olvido y León' A última parada antes de regresar a Ourense será o Mosteiro de Santa María en Melón, onde se gravaron 'Cotolay' e 'Las Brujas de E´lente'.

0.11118388175964