As alcaldesas do PP de Ourense levan a Europa as principais demandas dos seus territorios

OurenseXa
O documento conxunto conta con peticións relativas a fondos europeos e a necesidade dun reparto directo e equitativo
Delegación de alcaldesas do PPdeOU en Bruxelas
20 Xuño 2024

As alcaldesas e representantes municipais populares da provincia de Ourense están a formar parte da delegación do Partido Popular de Galicia, encabezada pola secretaria xeral, Paula Prado, que realiza estes días unha visita á sede do Parlamento Europeo en Bruxelas, acompañadas polos eurodeputados Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez.

Dentro desta viaxe de traballo, as rexedoras Teresa Barge (A Bola), Sandra Quintas (Bande), Patricia Torres (Boborás), María del Carmen González (Carballeda de Valdeorras), Pura Rodríguez (Gomesende), Patricia Lamela (Larouco), María del Carmen Yáñez (Lobios), Ana Villarino (Oímbra), Susana Vázquez (Porqueira), Eva Barrio (Riós) e Melisa Macía (Vilariño de Conso) veñen de subscribir un documento onde engloban as principais demandas, prioridades e preocupacións nos seus territorios, co fin de que o Grupo Popular na Eurocámara o teña en conta para desenvolver iniciativas que redunden en beneficio da provincia.

Así, o documento conxunto conta con peticións relativas a fondos europeos e a necesidade dun reparto directo e equitativo; a asuntos medioambientais como a posta en valor dos ríos e a mellora do abastecemento e saneamento dos seus núcleos de poboación; ao reto demográfico e a necesidade de incentivar a inserción laboral no rural e á creación de vivendas accesibles.

Tamén formulan peticións sobre servizos sociais e a construción de novos modelos de residencias de maiores; a mobilidade e fomento de transporte colectivo; as telecomunicacións e a chegada de conexión de internet e cobertura de telefonía de calidade.

Tampouco faltan referencias á prevención de incendios e loita contra os lumes; o sector primario, con especial foco no sistema de regadíos e no sector agrogandeiro do Macizo Central; á cultura, con especial énfase no Entroido ourensán; ás infraestruturas viarias que vertebren o territorio provincial; ao termalismo, con subvencións para construír espazos termais; acordos internacionais que compensen aos municipios de Lobios e Entrimo polo embalse de Lindoso, que só tributa en Portugal; e ás políticas da PAC, que optimicen a distribución dos fondos e brinden apoio técnico a agricultores e gandeiros.

0.19794011116028