As aulas de teatro do campus de Ourense arrancan un novo curso
As aulas de teatro do campus de Ourense arrancaron este martes a súa actividade cun acto de benvida no que participaron as arredor de 50 persoas, membros da comunidade universitaria e de fóra dela, que este curso académico se inscribiron nalgún dos seus tres niveis: Rosaura, Cordelia e Maricastaña.
Dependentes da Vicerreitoría do Campus de Ourense, as aulas de teatro do campus están enmarcadas na programación de obradoiros de extensión universitaria que cada cuadrimestre se ofertan con apoio da Deputación Provincial, explican desde a Universidade.
As aulas están coordinadas desde a compañía Sarabela Teatro por Fernando Dacosta. A aula Rosaura, o primeiro nivel, está aberta ás e aos que se inician nas artes escénicas “de xeito ameno e creativo”. O segundo nivel, Cordelia, está dirixido ás e aos que xa teñen algo de experiencia (persoas que superaron o primeiro nivel e que traballarán na creación de personaxes, a dramaturxia e todos os elementos que rodean unha obra). Por último, Maricastaña acolle ás e aos que teñen un nivel máis avanzado, adentrándose o seu alumnado no universo que supón unha posta en escena.
A actividade de cada grupo, explican, desenvólvese cada semana nas instalacións universitarias e compleméntase coa participación en diferentes citas teatrais tanto na cidade como fóra dela, como poden ser a Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu) ou o Festival Internacional de Teatro de Ourense (Fito), festival este último que precisamente arranca este mércores a súa programación e que unha edición máis conta co apoio da Universidade de Vigo.