As bibliotecas e museos de Ourense acollerán máis dunha trintena de actividades durante o Nadal

OurenseXa
As propostas inclúen obradoiros, mostras fotográficas e bibliográficas, concertos, presentacións ou iniciativas para a cativada
Biblioteca Pública Nós, Ourense
Biblioteca Pública Nós, Ourense
15 Dec 2024

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude impulsa este Nadal unha ampla programación cultural para todos os públicos. Así, as bibliotecas e museos dependentes da Xunta de Galicia concentran múltiples actividades e exposicións para estas festas, das cales máis de 30 serán en Ourense. Trátase dun amplo abano de propostas que pode consultarse na Axenda Cultural de Galicia e que inclúe desde obradoiros, mostras fotográficas e bibliográficas, propostas infantís, presentacións de libros, concertos ata a iniciativas para os máis pequenos e maiores.

No caso de Ourense, as actividades céntranse na Biblioteca Pública Nós que conta con numerosas propostas para os máis cativos pero tamén para o público adulto. Neste senso, están programadas as mostras Paseando pola Natureza. Acuarelas de Teresa Velasco, dispoñible desde o 17 de decembro ata o 25 de xaneiro. Dentro das actividades para maiores, para hoxe está previsto o Econtro Urban sketchers, e celebraranse dous roteiros pola cidade de Ourense, o día 27, A esmorga: Tras os pasos de Blanco Amor e, outro, o día 3 xaneiro O Ourense de Risco e de Conde Corbal.

Para os maiores de 14 anos, o centro continúa cos cursos e clubes de lectura, ofrecendo máis de 20 propostas diversas. Enfocadas á cativada a biblioteca acolle hoxe o Obradoiro de Física de Partículas, o día 18, Contiños na biblio, o día 23, As máis molonas de Pakolas. Rock, narración e humor con Paco Cerdeira e, ese mesmo día, terá lugar a actuación de Nadal do Coro Cantiga. Complétase a programación o xoves 26 cun obradoiro de dioramas, o día 27, co bebeconto Zapatitos e, os días 2 e 3 de xaneiro coa actividade Un Nadal polo Mundo.

O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, pola súa banda, ten prevista para o 20 de decembro a conferencia Cen anos da descoberta da arracada de Vilar de Santos, mentres que o Museo do Viño de Galicia acolle hoxe o concerto Música en voz baixa de Francisco Castro.

O Museo Etnolóxico de Ribadavia tamén forma parte da programación de Nadal con actividades como o obradoiro de fotografía que se celebra hoxe ou a inauguración, o día 19, da exposición Memoria e azougue. A imaxe dos Llanos. O día 21, terá lugar o concerto Camiño Aberto con Juan Carlos Cambas e Rosa Leiro e o venres 27 presentarase a obra As sagas das Curandeiras de Marisa Castro, e o libro A inmoral doutora Cons de Roberto Fernández Álvarez, XLI Premio Blanco Amor de novela 2022. Este mesmo día, tamén se presentará o Camiño Miñoto Ribeiro, como patrimonio cultural literario.

Durante este mes, o servizo de biblioteca móbil, A Furgoteca, percorrerá os concellos de Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Castrelo do Val, Cualedro. A Gudiña, Laza, Oímbra, Trasmiras e Vilardevós. Así, ademais de préstamo de libros ofrecerá un obradoiro de postais de Nadal para que os usuarios intercambien entre eles.

Dinamización lingüística

Ademais, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tamén ten en marcha o programa de dinamización lingüística Nadal en Rede con propostas culturais en galego nunha trintena de concellos.

No caso de Ourense, a terceira edición desta campaña chegará a aos concellos da Bola o día 17 con Xa é Nadal cos Piñeiriños; a Ramirás o día 20 con A pita xefa; ao Carballiño o 22 con Ves como sabes?, e a Ribadavia o 26 con A lingua somos todos. A esta programación súmanse os Cantares de Reis dos Bolechas que estarán en Celanova e Verín os días 29 de decembro e 3 de xaneiro, respectivamente.

0.15881609916687