As bibliotecas municipais de Ourense programan contacontos de verán para a cativada en San Francisco, A Carballeira e A Ponte

As bibliotecas municipais de Ourense situadas na Ponte, San Francisco e A Carballeira acollerán durante os meses de xullo e agosto unha programación de contacontos dirixida ao público infantil, no marco dunha iniciativa promovida polo Concello en colaboración co programa “Ler conta moito” da Xunta de Galicia.
As actividades contarán con prazas limitadas e será necesario realizar inscrición previa, de forma presencial nas propias bibliotecas ou a través dos teléfonos de contacto habilitados.
Na Biblioteca municipal da Ponte, situada na Praza Mestre Luis Fernández (988605751), as sesións previstas serán o 3 de xullo (venres), ás 11.00 horas, con “Animaladas”, a cargo de Teatro Calavera; o 5 de agosto (mércores), ás 11.00 horas, con “Os contos do gato”, de Bandullo Azul; e o 26 de agosto (mércores), ás 11.00 horas, con “Cantos e contos da foresta”, de Galerna Crúa.
Pola súa parte, a Biblioteca municipal de San Francisco, na Explanada de San Francisco (988230124), acollerá o 15 de xullo (mércores), ás 11.00 horas, “Todos somos árbores. O bosque na biblioteca”, con Carballo con Botas; o 11 de agosto (martes), ás 11.00 horas, “Un borrancho de conto”, con Sarabela; e o 17 de agosto (luns), ás 11.00 horas, “Un universo na túa maleta”, con Ana Meilán.
Na Biblioteca municipal da Carballeira, situada na Praza Sagrado Corazón (988253893), as propostas inclúen o 17 de xullo (venres), ás 11.00 horas, “Aventura pirata”, con Lalá Teatro; o 14 de agosto (venres), ás 11.00 horas, “Alúa, o bosque itinerante”, con Fraga dos Mouros; e o 21 de agosto (venres), ás 11.00 horas, “Iguais e diferentes”, con Manuel Solla.