As danzas e as músicas de Serbia, Taiwán, Ecuador, Senegal, México e Armenia toman esta noite as rúas de Ourense

OurenseXa
O Parque de San Lázaro será ás 22.30 horas o punto de saída do desfile das agrupacións participantes, que chegarán ás 23.00 horas á Praza Maior para dar comezo ao gran festival de folclore internacional
xornadas-de-folclore-celanova
18 Aug 2026

A penúltima xornada das XLI Xornadas de Folclore de Ourense encherá esta noite as rúas da cidade de música e baile procedentes de seis países. Ás 22.30 horas, as agrupacións artísticas partirán en desfile dende o Parque de San Lázaro cara á Praza Maior, onde o público poderá gozar da diversidade do folclore mundial.

O desfile abrirao o grupo senegalés, ao que seguirán a representación armenia, a formación taiwanesa, a delegación ecuatoriana coa súa vestimenta característica, a agrupación serbia —integrada por 35 compoñentes— e, pechando a comitiva, o conxunto mexicano.

Unha vez na Praza Maior, as actuacións sobre o escenario seguirán esta orde: o YiTzy Folk Dance Theatre de Taiwán, que repetirá pase despois da actuación mexicana; o Sebastia Dance Ensemble - Taron Aesthetic Center de Armenia; a Compañía Nacional de Danza Folklórica de Nieves Paniagua de México, que tamén pechará o festival cunha segunda actuación; o Ballet Jammu de Senegal; o Elenco Ñukanchik de Ecuador; e o Folk Dance Group 'Tucović' de Serbia.

Nesta edición participan uns 170 artistas, que levaron os seus repertorios a 16 escenarios diferentes, confirmando o recoñecemento internacional do que gozan estes grupos pola calidade do seu traballo.

Precisamente ese nivel organizativo é o que permitiu que o festival sexa membro activo de pleno dereito, dende 1999, da CIOFF-España (Confederación Internacional de Organizadores de Festivais Folclóricos), organización vinculada á UNESCO, o que garante a participación de agrupacións de prestixio mundial.

A clausura das Xornadas terá lugar mañá, 19 de agosto, no Auditorio do Castelo de Ribadavia, ás 23.00 horas, nun contorno onde a tradición arquitectónica se combinará coa folclórica. Nesta ocasión actuarán cinco dos seis países presentes no festival, xa que a agrupación de Senegal non poderá acudir por outro compromiso profesional. Tódalas actuacións son de acceso gratuíto.

0.13131499290466