As danzas e músicas chegadas dende catro continentes estrearon en Celanova e O Barco o seu percorrido pola provincia

OurenseXa
Este mércores, 14 de agosto, as Xornadas de Folclore chegarán aos concellos de Maceda e Verín
Xornadas de Folclore, 2024
14 Ago 2024

A XXXIX edición das Xornadas de Folclore de Ourense iniciou onte o seu percorrido polas vilas ourensás en Celanova e o Barco. As seis agrupacións folclóricas, divididas en dous grupos como é habitual, despregaron ante un entregado público toda a maxia, a historia e a cultura dos países que representan e que recollen no seu folclore.

Este evento cultural está organizado pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, e conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e dos diferentes concellos anfitrións.

Os asistentes á cita en Celanova descubriron as danzas e a música de México, Senegal e Panamá. No Barco o escenario foi para os membros das agrupacións de Colombia, Taiwán e Serbia. Un colorido espectáculo que converteu a noite nunha rica experiencia de apertura ao mundo e as súas tradicións.

Hoxe, 14 de agosto: Maceda e Verín

O Ballet Folclórico do Instituto Tecnolóxico de Celaya, de México, os senegaleses do Baillet Jammu e a Academia Andrés Valiente, Danzas e proxeccións de Panamá serán os protagonistas na noite de Maceda, a partir das 22,30 horas.

En Verín abrirán a festa da cultura os colombianos da Fundación Ballet Folclórica de Nobsa. Seguidamente subirán ao escenario o grupo de Taiwán Yuan Yuan Dance Group e pecharán a noite os serbios de Kud Srem. A cita será ás 22,30 horas.

O Ballet Folclórico de México

O Ballet Folclórico do Instituto Tecnolóxico de Celaya, México, chega a Ourense no seu 50 aniversario. Dende a súa fundación o seu obxectivo fundamental é preservar e difundir a danza tradicional mexicana e as raíces da identidade nacional. Cun amplo repertorio de bailes de México, promove a imaxe cultural do Instituto Tecnolóxico de Celaya por todo o país e fóra del. No ano 2013, foi acreditado como grupo CIOFF, Colaborador Oficial da UNESCO. Representou ao seu país en importantes festivais nacionais e mundiais, como Francia, Inglaterra, Turquía, Perú, Colombia, Arxentina ou Canadá. Música e danza que nos deixan de sorprender aos espectadores.

0.13610696792603