As festas da Valenzá celebraranse entre o 7 e o 11 de xuño
O Concello de Barbadás delega a organización das festas da Valenzá na Asociación Comisión Festas San Berbabé, que se encarga tradicionalmente dunha celebración que este ano terá lugar os dúas 7,8, 9 e 11 de xuño. Trátase da primeira vez que hai máis dun aspirante a organizar os festexos, xa que tamén se interesou unha empresa privada e un particular.
Unha vez elaborados os informes de Secretaría e da Policía Local, o executivo Local tomou a decisión de manter as festas nas mans da entidade que habitualmente as organiza, xa que ademais a súa proposta diversifica os escenarios das actividades e posibilitará que poidan desfrutalas un maior número de veciños e veciñas.
A decisión do Concello tamén se fundamenta no feito de que a lei da prioridade á organización de este tipo de celebracións por parte de colectivos veciñais. A proposta da Asociación Festas San Bernabé, que preside Manuel Martínez, non concentrará os actos nun só punto e este foi un factor decisivo que tivo en conta o executivo local.
O programa de actos comezará o día 7 ao mediodía e xa pola noite prevense actuacións musicais en varios puntos da avenida de Celanova. O día 8 a música tamén estará presente no parque da Liberdade cunha disco móbil. Ao terminar os actos relixiosos do día 9 a banda municipal de Barbadás ofrecerá un concerto na Praza Vella da Valenzá e neste mesmo punto, o día 11 haberá disco móbil durante a noite.
Entre as actividades que se programaron haberá Artilandia na avenida de Celanova, a actuación dun mago no Parque dos Patos, Festa da Escuma na Solaina, concurso de tute e torneo de fútbol sala, entre outras propostas.