As Festas de Ourense provocarán cortes de tráfico e cambios no transporte urbano a partir deste domingo

A programación das Festas de Ourense 2026 provocará diferentes restricións e cortes de tráfico na cidade durante os próximos días. A Policía Local activará un dispositivo especial que afectará a varias vías principais por mor da instalación de atraccións, escenarios musicais e a celebración dun espectáculo de drons.
En primeiro lugar, os traballos de montaxe das atraccións festivas comezarán o luns 15 de xuño. Estes implicarán o peche ao tráfico polas tardes do Paseo Ponte Pedriña e da rúa Portocarreiro, no tramo comprendido entre a Travesía Portocarreiro B e a rotonda da rúa Fonte do Bispo. Estas restricións serán máis amplas a partir do mércores 17 e ata o venres 19, cando os cortes comezarán ás 19.00 horas, e adiantaranse ás 17.00 horas durante o sábado 20 e o domingo 21.
Tamén se verán afectados os accesos vinculados á instalación dos escenarios das actuacións musicais. Neste caso, a rúa Pardo de Cela permanecerá pechada ao tráfico entre a praza de Concepción Arenal e a glorieta do Mundo desde o domingo 14 de xuño ás 08.00 horas e ata o luns 22, unha vez finalizados os traballos de desmontaxe. A isto engádese o peche da propia praza de Concepción Arenal nos accesos desde a rúa Sáenz Díez e a avenida da Habana, que quedarán cortados o venres 19 a partir das 15.00 horas e o sábado 20 desde as 12.00 horas, mantendo a restrición ata a retirada das estruturas.
No caso do espectáculo de drons, previsto para o mércores 17 de xuño, estableceranse cortes puntuais minutos antes das 23.00 horas en varios puntos de acceso. Entre eles, a rotonda de acceso centro coa N-120, con desvío pola rúa Castro Canseco, e a estrada N-120 á altura da rotonda coa rúa Pablo Iglesias, onde a circulación será redirixida pola rúa Díaz de la Banda.
Estas medidas terán tamén impacto no transporte urbano. As liñas 4, 5, 6 e 15 do servizo de autobuses modificarán os seus percorridos entre o 14 e o 22 de xuño debido ao corte da rúa Pardo de Cela.
As liñas 5 e 6 desviarán o seu itinerario en dirección a Ceboliño e As Curuxeiras, circulando por Salvador Dalí, a N-120 e a avenida da Ribeira Sacra antes de reincorporarse ao seu traxecto habitual no entorno do Parque de San Lázaro, mentres que no sentido contrario non haberá cambios.
A liña 4 tamén variará o seu percorrido en ambos sentidos, con desvíos polo eixo de Salvador Dalí e a N-120 en dirección a Seixalbo, e itinerarios alternativos polo centro urbano no regreso cara Eirasvedras, pasando por vías como o Parque de San Lázaro e a estación intermodal.
Finalmente, a liña 15 funcionará con ruta modificada os días 14, 20 e 21 de xuño, cun percorrido alternativo que conectará a Praza Maior co barrio do Tinteiro a través de distintas rúas do centro e da zona das Caldas antes de retomar o itinerario habitual.