As Noites Teatrais de Vilamarín continúan este xoves con "Alta Costura", de Elefante Elegante Teatro

A programación das XXXVII Noites Teatrais de Vilamarín continúa este xoves 16 de xullo coa representación de "Alta Costura", unha proposta da compañía Elefante Elegante Teatro.
A función comezará ás 22.00 horas no Auditorio do Concello de Vilamarín e a entrada será libre ata completar o aforo.
A obra está interpretada por María Torres, Pablo Sánchez, Sofía Espiñeira e Raquel Crespo, baixo a dirección escénica de Gonçalo Guerreiro.
"Alta Costura" é unha comedia que combina humor, ironía e poesía para reflexionar sobre a industria da moda e a súa relación co consumo, o recoñecemento social, a contaminación ambiental, a saúde e as condicións laborais.
O espectáculo percorre todo o proceso de produción dunha peza de roupa, desde a obtención da materia prima empregada na fabricación dos tecidos ata a confección, a distribución e os mecanismos de reciclaxe.
O equipo artístico complétano Carolina Díguele, responsable da produción artística, o vestiario e o deseño gráfico; Manuel Fonte e varios autores na composición musical; Laura R. Duarte na iluminación; Vanessa Rábade na fotografía; e Xuexo Prieto na produción.