As novas áreas de cardioloxía intervencionista do CHUO suporán un investimento de máis de 150.000 euros

OurenseXa
O número de procedementos diagnósticos e terapéuticos na sala de hemodinámica de cardioloxía intervencionista do CHUO increméntase cada ano, acadando os 1.191 procedementos en 2023
CHUO_hospital_Ourense
CHUO_hospital_Ourense
8 Xul 2024

A Xunta publicou no Portal de Contratos de Galicia a licitación, por 150.884 euros, dos servizos de redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra das novas áreas de cardioloxía intervencionista no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).

Con este proxecto habilitaranse dúas salas na quinta planta do hospital ourensán con máis espazo para hemodinámica e coa creación dunha sala de electrofisioloxía. Actualmente, a actividade de electrofisioloxía realízase en quirófano aproximadamente tres días por semana, co que se gañará capacidade de programación cirúrxica ao ter un espazo propio para a implantación de marcapasos definitivos, cardioversións eléctricas, implantacións de hólter, entre outros procesos.

Ademais, prevese que a demanda asistencial para a cardioloxía intervencionista continuará a incrementarse debido á lonxevidade da poboación e ao incremento das posibilidades diagnósticas e terapéuticas ofrecidas polo Servizo Galego de Saúde. Neste sentido, o número de procedementos na sala de hemodinámica de cardioloxía intervencionista do CHUO incrementouse ano a ano ata acadar os 1.191 procedementos o pasado ano.

A obra suporá a ampliación de espazos e tamén a renovación do hospital de día con 10 camas para preparación e recuperación de pacientes.

A redacción do proxecto básico ten un prazo de execución dun mes desde a formalización do contrato e a redacción do proxecto de execución ten un prazo de dous meses desde a aprobación do proxecto básico. O contrato, polo tanto, recolle eses tres meses para a redacción do proxecto básico e de execución, máis a duración da obra, que se concretará no propio proxecto.

As empresas interesadas no contrato teñen de prazo o 15 de xullo para a presentación de ofertas.

0.18603706359863