As obras de mellora do pavimento na travesía de Maceda comezarán este mes

OurenseXa
As obras neste treito da estrada OU-104 ao seu paso polo municipio víronse condicionadas polas deficiencias nas conducións baixo o pavimento, polo que foi necesario renovar todas as tubaxes
travesia_maceda_obras
Travesía de Maceda
5 mar 2024

A Xunta comezará na semana do 18 de marzo os traballos de mellora dos pavimentos na travesía de Maceda, unha vez rematados os traballos de renovación integral das conducións de abastecemento, saneamento e pluviais, de titularidade municipal.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a investir 1,4 M€ nesta intervención neste treito da estrada OU-104 ao seu paso polo municipio, inicialmente deseñada como de acondicionamento do firme, pero que se ampliou para substituír e renovar todos os servizos urbanos no ámbito de actuación.

O desenvolvemento das obras de acondicionamento da travesía de Maceda viuse condicionado polas deficiencias nas conducións municipais situadas baixo o pavimento, que fixeron necesario renovar esas tubaxes, asumindo a Xunta o aumento do orzamento, a pesar de ser competencia municipal.

A Xunta foi solucionando todos os problemas que xurdiron durante a execución dos traballos previstos na OU-104, dispoñendo tanto os recursos técnicos como financeiros necesarios, ante a falta de capacidade do Concello de asumilos.

As conducións de abastecemento existentes eran de fibrocemento e estaban nun estado que facían prever roturas durante a execución das obras, polo se procedeu á súa renovación integral, xunto coas conducións de augas fecais e pluviais.

A Xunta levou a cabo tamén a mellora do sistema de drenaxe de pluviais, o cal fixo preciso acometer unha gran condución de evacuación de augas pluviais, de modo que non se xeren asolagamentos.

Unha vez finalizada a intervención na travesía de Maceda, a nivel global, non só se acadará unha mellora de pavimentos e accesibilidade na estrada OU-104 ao seu paso polo municipio, senón que se terán renovado todos os servizos urbanos neste treito.