As persoas xordas galegas reclaman unha maior presenza da lingua de signos en todos os ámbitos

OurenseXa
O colectivo deuse cita en Ourense este sábado para celebrar o Día Internacional das Persoas Xordas cunha marcha reivindicativa e actividades culturais.
dia-internacional-das-persoas-xordas-ourense
Día Internacional das Persoas Xordas, Ourense
29 sep 2024

A ritmo de batucada, a comunidade xorda galega reuniuse este sábado na cidade de Ourense para celebrar o Día Internacional das Persoas Xordas e dar visibilidade ás súas demandas.

A través dun programa de actos públicos desenvolvidos durante toda a xornada, o obxectivo do encontro foi poñer o foco na necesidade de normalizar o uso da lingua de signos como unha lingua máis, promovendo así unha accesibilidade plena para as persoas xordas e un desenvolvemento en igualdade de condicións e sen barreiras comunicativas. “Sen os recursos necesarios nin políticas públicas efectivas, todos os nosos dereitos quedan en papel mollado” sinalan dende a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG).

A pesar de que a xornada tivo un claro ton festivo con actividades culturais a pé de rúa para achegar a cultura xorda e a lingua de signos ao público xeral, o acto central foi a marcha reivindicativa amenizada por un grupo de percusión e que discorreu entre a comisaría ourensá e a Praza Maior, onde culminou cun acto institucional ante o consistorio.

Representantes de todas as administracións públicas, como o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome,  a a deputada de Política Social, Conciliación e Envellecemento Activo, Ana Patricia Torres, ou a directora xeral de Discapacidade da Xunta de Galicia, Begoña Abeijón, participaron neste encontro para reivindicar os dereiros das persoas sordas.

O programa de actividades organizado para a celebración completouse cunha tarde chea de espectáculos e xogos en lingua de signos para todos os públicos que tiveron como escenario de novo a Praza Maior. Como broche final ao día, a Ponte Romana e o edificio da Deputación Provincial ilumináronse de cor azul turquesa, representativo da comunidade xorda.

 

 

0.16758990287781