As piscinas de Oira abrirán ao público este venres

OurenseXa
Xunto a Oira, tamén abrirá a piscina exterior do Pavillón dos Remedios
Piscinas de Oira, Ourense
9 Jun 2026

O Consello Municipal de Deportes (CMD) do Concello de Ourense abrirá ao público este venres, 12 de xuño, as piscinas de Oira, co que se inicia a nova tempada de verán nun dos espazos máis concorridos da cidade durante os meses de calor.

O acceso será libre e gratuíto, sen necesidade de reserva previa nin cita, e as instalacións permanecerán abertas ata o 13 de setembro, de luns a domingo, incluídos festivos. O horario será continude 11:00 a 21:00 horas de forma ininterrompida. Segundo as previsións do Consello Municipal de Deportes (CMD), espéranse arredor de 125.000 usos ao longo de toda a tempada, o que consolida este espazo como unha das principais alternativas de lecer estival na cidade.

As instalacións contarán con servizo de socorrismo e vixilancia para garantir a seguridade das persoas usuarias. Desde o CMD lémbrase a necesidade de cumprir as normas do recinto, entre as que se inclúe a prohibición de introducir bicicletas e patinetes —que deberán quedar fóra nas zonas habilitadas—, así como o uso de cadeiras ou hamacas na zona de praia, salvo no caso de persoas con mobilidade reducida. Tamén está prohibido fumar e consumir bebidas alcohólicas, e será obrigatorio seguir en todo momento as indicacións do persoal.

A posta a punto desta tempada viuse condicionada polos danos provocados polas crecidas do río durante o inverno, o que dificultou os traballos de preparación. Malia iso, Oira será unha das primeiras instalacións da contorna en abrir as súas portas este verán. Ademais, instaláronse valados de protección para evitar a entrada de animais na zona de praia e garantir unhas condicións axeitadas de hixiene.

O espazo exterior será de acceso libre durante o horario de apertura, con entrada a través das escaleiras ou da porta principal.

Xunto a Oira, tamén abrirá este venres, 12 de xuño, a piscina exterior do Pavillón dos Remedios. Neste caso, o acceso será para persoas abonadas ou mediante ticket diario, cun horario de funcionamento de luns a sábado, de 11:00 a 21:00 horas.

0.12610793113708