As piscinas municipais de Maceda serán de acceso gratuíto ata o 30 de xuño

O Concello de Maceda informa de que as piscinas municipais, abertas ao público desde o pasado venres en horario de 12:00 a 20:00 horas, serán de entrada gratuíta ata o vindeiro 30 de xuño incluído.
A partir do 1 de xullo aplicaranse as tarifas da tempada 2026, que recollen prezos diferenciados segundo idades, tipo de entrada e condición de empadroamento.
No caso das entradas diarias, os menores de 6 anos e as persoas maiores de 65 anos estarán exentos de pagamento, mentres que para o tramo de 6 a 14 anos o prezo será de 0,50 euros tanto para empadroados como para non empadroados, e para as persoas de 15 a 65 anos o custo será de 1 euro.
En canto aos bonos de tempada, establécense diferentes importes segundo idade e condición de empadroamento, así como opcións de bono familiar, con tarifas que varían en función do número de membros da unidade familiar.
O Concello lembra que os ingresos dos bonos deberán realizarse na conta indicada de ABANCA e que será necesario presentar no consistorio un certificado de empadroamento que acredite os membros da unidade familiar que se inclúan no bono familiar.
Tamén se aclara que se considera unidade familiar a formada por pai, nai e fillos menores de 18 anos, figurando un dos proxenitores como titular do abono e o resto como beneficiarios.