As 'rutas culturais' da UVigo regresan a Ourense con catro novas propostas

OurenseXa
As rutas están abertas á inscrición da comunidade universitaria dos tres campus da UVigo e á cidadanía en xeral
Ruta-uvigo-manzaneda
5 Out 2024

A Universidade de Vigo arranca un curso académico máis a súa programación de rutas culturais, organizada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte. Este cuadrimestre, explican desde  a universidade, serán catro as andainas que se celebrarán por Galicia e a súa contorna e nas que se mestura convivencia, actividade física e cultura. As rutas están abertas á inscrición da comunidade universitaria dos tres campus da UVigo e á cidadanía en xeral.

De Portugal á Ribeira Sacra

A primeira andaina deste curso 2024/2025 será o 26 de outubro, baixo o título Roteiro de Praias de Portugal (Caminha-Portugal). Será un percorrido lineal, de dificultade media-baixa, entre 15-20 km que pasará polos puntosda costa portuguesa de Caminha, Moledo e Vila Praia de Áncora. Seguiralle o 9 de novembro o itinerario Cultura e Natureza (Montederramo-Macizo Central). Trátase dun roteiro que “unirá a exploración de paraxes naturais coa visita a monumentos históricos, para apreciar a interrelación entre ambos”, achegándose ao biduieral de Montederramo e o seu mosteiro.

Tamén en novembro, o día 30, terá lugar a ruta Camiño Patrimonial e Etnográfico (Silleda-Terras do Deza). Será un roteiro circular, de dificultade media, entre 15-20 km, que achegará ás persoas participantes a enclaves como o mosteiro de Carboeiro e A Fervenza do río Toxa. Por último, o 14 de decembro terá lugar a andaina Sendeirismo Saudable (Nogueira de Ramuín-Ribeira Sacra). Será un percorrido linel, de dificultade media, tamén entre 15-20 km, onde se combinará exercicio ao aire libre con talleres de micoloxía e un fin de festa co tradicional magosto das rutas culturais da UVigo.

A inscrición en cada ruta cultural, que se realiza a través do Campus Activo da UVigo, está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada andaina. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores a cada ruta permitirase a inscrición de calquera persoa interesada. O prezo depende do colectivo de pertenza en relación coa Universidade de Vigo, estando abertas á participación de persoas alleas a ela. Cada ruta realizada recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración.

0.18753099441528