As socialistas conseguen incorporar melloras nas bases das subvencións sociais do Concello de Ourense

OurenseXa
As propostas, defendidas pola voceira socialista Natalia González no Consello Municipal de Servizos Sociais, tiñan como obxectivo facer as bases “máis útiles, máis flexibles e máis adaptadas á realidade das entidades sociais”
alba-iglesias-natalia-gonzalez
13 May 2026

O grupo municipal socialista no Concello de Ourense valora de forma positiva a inclusión total ou parcial de varias das emendas presentadas ao borrador das bases reguladoras das subvencións en materia de servizos sociais para os exercicios 2026 e seguintes.

As propostas, defendidas pola voceira socialista Natalia González no Consello Municipal de Servizos Sociais, tiñan como obxectivo facer as bases “máis útiles, máis flexibles e máis adaptadas á realidade das entidades sociais”, introducindo cambios orientados á simplificación administrativa, á mellora da xestión e a dar maior estabilidade aos programas desenvolvidos por asociacións e colectivos da cidade.

Entre as principais novidades incorporadas figura a posibilidade de reformular os proxectos no caso de que a subvención concedida sexa inferior á solicitada, co fin de evitar renuncias e facilitar a adaptación das actividades ás contías finalmente aprobadas.

Tamén se recollen cambios en materia de flexibilidade orzamentaria, permitindo ampliar ata un 40% determinadas desviacións de gasto en situacións excepcionais debidamente xustificadas, co obxectivo de facilitar a execución dos programas ante imprevistos.

Outro dos avances destacados é a axilización dos pagamentos ás entidades sociais, coa fixación de prazos concretos para o aboamento das subvencións e dos anticipos, así como melloras no sistema de pagamentos anticipados e na flexibilización das garantías esixidas ás entidades con boa traxectoria de xustificación.

As bases incorporan ademais a posibilidade de convocatorias plurianuais e de pagamentos fraccionados, unha medida que, segundo Natalia González, resulta clave para “dar estabilidade, continuidade e capacidade de planificación ás entidades sociais que traballan de maneira permanente coa veciñanza”.
Do mesmo xeito, recóllense como subvencionables gastos relacionados coa coordinación, xestión, seguros e manutención das actividades, atendendo ás necesidades trasladadas polo terceiro sector.

As socialistas valoran tamén a apertura á implantación de futuros sistemas de xustificación simplificada, co obxectivo de reducir a carga burocrática e facilitar o acceso ás axudas ás entidades de menor tamaño.

Finalmente, Natalia González sinala que as propostas realizadas “non buscaban facer ruído político, senón mellorar o funcionamento real das subvencións e responder ás dificultades que levan anos trasladando as entidades sociais de Ourense”.

0.12808394432068