As socialistas de Barbadás piden un plan para conservar as instalacións deportivas

OurenseXa
As concelleiras socialistas reclaman máis recursos para o mantemento, a renovación de material deteriorado e a execución das actuacións previstas para 2026
Parque-paseo-dos-amieiros-pista-multideporte-barbadas
29 Sep 2026

O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Barbadás presentou unha moción na que reclama ao goberno local un plan de mantemento periódico das instalacións deportivas municipais e unha maior dotación económica para garantir a súa conservación e seguridade.

A iniciativa abrangue a rede de equipamentos deportivos do municipio, con pavillóns, pistas ao aire libre, campos de fútbol e piscinas situados en lugares como A Valenzá, Barbadás, Loiro, Bentraces, Parada de Piñor, Sobrado do Bispo, Finca Fierro, Fonsillón e Piñor.

A concelleira socialista Noemí Pintos defende que o estado destes espazos debe ser unha prioridade municipal. “O deporte é saúde, educación e calidade de vida, pero para que a veciñanza poida practicalo con normalidade é imprescindible que as instalacións municipais estean en condicións dignas e seguras durante todo o ano”, sinala.

Desde o PSdeG-PSOE consideran que o uso continuado e a antigüidade dalgúns equipamentos fan necesario establecer un sistema de conservación que permita actuar antes de que as deficiencias se agraven. Entre as necesidades que menciona a formación están a reparación de redes de porterías e canastras, a substitución de elementos deteriorados e a limpeza das áreas deportivas.

“Estamos a falar de cuestións básicas, como reparar redes rotas nas porterías e nas canastras de baloncesto, substituír elementos deteriorados e garantir a limpeza das áreas deportivas. Non podemos agardar a que os problemas se agraven para actuar”, afirma Pintos.

A proposta socialista non se centra na construción de novos equipamentos, senón na conservación dos que xa existen. Para iso, reclama unha planificación que inclúa actuacións preventivas, correctivas e de carácter normativo, así como un calendario de intervencións e recursos económicos suficientes.

“O mantemento non pode limitarse a actuacións puntuais cando xorde un problema. Ten que existir unha planificación, uns recursos económicos suficientes e un calendario de intervencións que permita conservar as instalacións en boas condicións”, engade a concelleira.

A moción pide tamén que os próximos orzamentos municipais incorporen unha partida específica para o mantemento e mellora das áreas deportivas, cun incremento progresivo nos exercicios seguintes. Segundo as socialistas, estes fondos deberían permitir renovar material como redes, colchonetas, canastras e porterías e contribuír a prolongar a vida útil dos equipamentos.

O texto presentado polo PSdeG-PSOE fai referencia igualmente ás actuacións desenvolvidas nos últimos anos en diferentes espazos deportivos, entre elas a creación de novas áreas na Valenzá e Fonsillón e intervencións no campo de fútbol dos Carrís, Finca Fierro, a piscina e a pista multideporte. Tamén cita melloras realizadas en Parada de Piñor, Piñor e na zona deportiva do parque da Liberdade.

Xunto ao mantemento xeral das instalacións, o grupo socialista reclama que se executen os compromisos de actuación previstos para 2026. Entre eles sitúa a reforma da pista de skate, a drenaxe do campo de fútbol 8 dos Carrís, a pavimentación da área deportiva de Loiro e a substitución de elementos no campo do Barreiro, en Bentraces.

A moción formula tres acordos: poñer en marcha un plan de mantemento preventivo, correctivo e normativo para todas as instalacións deportivas municipais; garantir unha dotación orzamentaria suficiente e progresiva para a conservación e mellora destes espazos; e executar as actuacións previstas para 2026.

“Barbadás conta cunha importante rede de instalacións deportivas que debe estar á altura das necesidades da veciñanza. Coidalas é investir en saúde, en convivencia e en calidade de vida, pero tamén facer un uso responsable dos recursos públicos”, conclúe Noemí Pintos.

0.1418080329895