As XLI Xornadas de Folclore chegan ao seu fin cunha gala de clausura no Castelo de Ribadavia

As XLI Xornadas de Folclore da Deputación de Ourense poñen esta noite o punto final á súa edición de 2026 cunha actuación no Castelo de Ribadavia. Despois de dez días de actividade por diferentes localidades da provincia, cinco dos grupos participantes reuniranse ás 23.00 horas no Auditorio Castelo de Ribadavia para ofrecer a última actuación do programa.
O Ballet Jammu de Senegal non poderá participar nesta clausura, xa que tiña adquirido con anterioridade un compromiso para esta data. A agrupación incorporouse á programación a última hora en substitución do grupo de Kenya, polo que finalmente non poderá formar parte da despedida. Si actuarán o resto das agrupacións, procedentes de Armenia, Ecuador, México, Serbia e Taiwán.
Ao longo destes dez días, preto de 170 artistas procedentes dos diferentes países participantes percorreron a provincia para presentar as súas músicas, danzas e tradicións ante o público ourensán. Desde a organización destacan a boa acollida recibida durante as actuacións e os numerosos aplausos cos que o público acompañou as propostas.
Os participantes tamén puxeron en valor a experiencia de formar parte dun festival que alcanza xa 41 edicións e que se converteu nunha das citas culturais máis destacadas do verán na provincia. Ademais, agradeceron o traballo do persoal encargado da organización e da atención aos grupos durante a súa estancia.
As Xornadas mobilizan ao redor de 25 persoas encargadas de atender as necesidades das delegacións participantes e de preparar os diferentes escenarios nos que se desenvolven as actuacións.
A organización corre a cargo da Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, que ten entre os seus obxectivos a recuperación, conservación e difusión da cultura popular e a transmisión deste patrimonio inmaterial.
O Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo naceu en 2004, coincidindo coa dedicación do Día das Letras Galegas ao etnógrafo ourensán Xaquín Lorenzo Fernández, como evolución da Escola Provincial de Danza da Deputación. Esta última desenvolvía desde 1984 actividades relacionadas coa música e a danza tradicional, así como labores de investigación e divulgación da cultura popular, seguindo o traballo iniciado polo Colectivo Cultural Castro Floxo.
Coa actuación desta noite en Ribadavia, as Xornadas de Folclore despedirán a súa edición de 2026. Mañá será a quenda das despedidas dos grupos participantes, que abandonarán Ourense tras dez días de convivencia e actividade cultural, mentres a organización comeza xa a preparar a próxima edición.