As Xornadas de Folclore chegan hoxe a Celanova e O Barco de Valdeorras

OurenseXa
O claustro do mosteiro de Celanova acollerá ás 20.30 horas as actuacións de Armenia, México e Senegal, mentres que o Parque do Malecón do Barco recibirá ás 22.30 horas os grupos de Ecuador, Serbia e Taiwán
xornadas-de-folclore-2026
12 Aug 2026

As XLI Xornadas de Folclore da Deputación de Ourense chegan hoxe, mércores 12 de agosto, a Celanova e O Barco de Valdeorras, con dúas citas que permitirán ao público achegarse ás tradicións musicais e coreográficas de diferentes puntos do mundo. Todas as actuacións serán de acceso gratuíto.

En Celanova, o claustro do mosteiro acollerá a partir das 20.30 horas as actuacións dos grupos de Armenia, México e Senegal. Pola súa banda, o Parque do Malecón de O Barco será escenario, ás 22.30 horas, dos espectáculos de Ecuador, Serbia e Taiwán.

As Xornadas de Folclore celebran este ano a súa XLI edición e, ao longo dos seus 41 anos de historia, levaron aos escenarios da provincia agrupacións procedentes de máis dun cento de países dos cinco continentes. O programa permite ao público ourensán coñecer diferentes expresións culturais a través da música, a danza e as tradicións populares de distintos territorios.

Entre as formacións participantes nesta edición atópase o grupo armenio “Sebastia Dance Ensemble - Taron Aesthetic Center”, que regresa ás Xornadas de Folclore por terceira vez. Armenia xa estivera presente no festival en 2006 e 2023, e nesta ocasión participa con esta agrupación, creada en 1977.

O grupo armenio ofrece un programa centrado nas danzas e nos rituais ancestrais do seu país. Ao longo da súa traxectoria realizou máis de 400 actuacións en Iereván e noutras cidades de Armenia e participou en máis de 50 festivais de folclore de todo o mundo, nos que obtivo diferentes recoñecementos e premios.

Tamén é novidade nesta edición a presenza do grupo ecuatoriano Elenco Nukanchik, aínda que Ecuador xa estivera representado nas Xornadas nos anos 2008 e 2023.

A formación foi fundada en 2004 na cidade de Riobamba, ao sur de Quito, co obxectivo de revitalizar a memoria cultural do pobo ecuatoriano. O seu repertorio inclúe manifestacións tradicionais das culturas montubia, afroecuatoriana, amazónica e andina, mostrando a diversidade cultural do país.

Este mércores, o público de Celanova e O Barco poderá coñecer estas e outras expresións da cultura tradicional internacional a través dunha programación que combina música e danza e que se desenvolverá con entrada gratuíta.

0.14309501647949