As Xornadas de Folclore reforzan o intercambio cultural entre países con obradoiros de baile

Os integrantes das agrupacións que participan nas XLI Xornadas de Folclore están a aproveitar estes días para compartir coñecementos sobre as súas músicas e danzas a través dunha serie de obradoiros de baile. A actividade permite aos artistas achegarse ao folclore dos demais países participantes e, ao mesmo tempo, dar a coñecer as súas propias tradicións.
Os obradoiros desenvólvense polas tardes, antes de que os grupos se despracen ás localidades nas que teñen programadas as súas actuacións. México foi a primeira agrupación en asumir o papel de mestre dos demais participantes, seguida de Serbia. Este sábado será a quenda de Senegal e posteriormente o grupo de Taiwán será o encargado de impartir o seu obradoiro.
A iniciativa puxérase en marcha o ano pasado como unha alternativa para os integrantes das agrupacións despois da suspensión de varios festivais debido aos incendios que afectaron á provincia de Ourense. A experiencia tivo unha boa resposta entre os participantes, polo que a organización decidiu repetir os obradoiros nesta edición.
A proposta está a permitir que os membros das diferentes agrupacións coñezan mellor o traballo dos seus compañeiros e compartan parte dos seus propios coñecementos. Ademais da aprendizaxe das músicas e danzas, os obradoiros teñen como finalidade fortalecer a convivencia entre os participantes nas Xornadas.
Esta programación paralela acompaña as actuacións que os grupos ofrecen durante estes días en diferentes localidades da provincia. Esta noite, a Alameda de Entrimo recibirá ás 20.30 horas as actuacións de Armenia, México e Senegal. Os 77 integrantes destas tres agrupacións, entre músicos e danzantes, presentarán diferentes expresións do folclore dos seus países.
Ás 22.30 horas, a Praza do Prado de Castro Caldelas será o escenario dos grupos de Ecuador, Serbia e Taiwán. En total, 92 artistas destas tres formacións participarán nun espectáculo no que estarán representadas tradicións de tres continentes.
A programación continuará este domingo 16 de agosto en Xinzo de Limia e O Carballiño. Ás 20.00 horas terá lugar un desfile desde o Parque do Toural de Xinzo de Limia ata a Praza Carlos Casares, onde ás 20.30 horas comezarán as actuacións de Armenia, México e Senegal.
Pola súa banda, Ecuador, Serbia e Taiwán actuarán ás 22.30 horas no Auditorio da Praza da Veracruz do Carballiño, escenario que se incorpora este ano ás Xornadas. Todas as actuacións son gratuítas.
As Xornadas de Folclore están organizadas pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta e dos concellos que acollen as actividades.