As xornadas Memoria e Muller regresan a Celanova para recuperar a memoria das represaliadas polo franquismo

Celanova será escenario os días 27 e 28 de xuño dunha nova edición das xornadas Memoria e Muller, organizadas polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, que chegan á súa terceira convocatoria cun programa centrado na recuperación da memoria das mulleres vítimas da represión franquista.
O encontro, que se desenvolverá no Auditorio Municipal Ilduara, está dedicado nesta ocasión á figura de María Cabaco, impulsora e exvicepresidenta do colectivo, falecida recentemente. A súa traxectoria será lembrada baixo o lema “Lembranza de María Cabaco”, nun acto que conta coa colaboración do Concello de Celanova a través da área de Igualdade, no marco das políticas vinculadas ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
Ao longo das dúas xornadas participarán investigadoras e investigadores de referencia no estudo da Segunda República, a guerra civil e o franquismo, con especial atención ao papel das mulleres e á represión exercida sobre elas.
Entre as intervencións previstas destaca a do historiador Domingo Rodríguez Teijeiro, que afondará na situación das presas e os espazos de reclusión durante a guerra e a posguerra, un ámbito no que é un dos principais especialistas, especialmente no relativo á prisión de Celanova.
Tamén intervirán a investigadora Lola Varela, que abordará os avances das mulleres durante a Segunda República, e a historiadora Tamara López, que analizará as distintas formas de violencia exercidas contra elas durante a ditadura. Pola súa banda, Eliseo Fernández e Dionísio Pereira presentarán un traballo dedicado á traxectoria histórica do movemento libertario feminino en Galicia.
Un dos momentos centrais do programa será unha mesa de diálogo con familiares de mulleres represaliadas, na que se combinarán testemuños persoais e investigación histórica. A sesión estará coordinada pola historiadora Rosa Cid Galante e contará coa participación de varias persoas vencelladas ás historias de presas e mestras represaliadas na comarca.
O domingo estará dedicado á presentación dun estudo da investigadora Aurora Marco sobre unha mestra socialista vítima da represión franquista, recentemente recoñecida co Premio Peña Novo e editada por Alvarellos Editora. O acto enmárcase dentro da aposta das xornadas por visibilizar traballos académicos centrados na memoria das mulleres.
Como peche, inaugurarase a exposición Presas e Mestras. A represión das mulleres na comarca de Celanova, unha mostra que recompila documentación, testemuños e materiais de investigación sobre a represión feminina no territorio. A exposición, comisariada por Rosa Cid, prevé iniciar un percorrido itinerante por distintos concellos e centros educativos da comarca nos próximos meses.