As xornadas para a igualdade de Allariz cumpren XX edicións

OurenseXa
As xornadas terán lugar do 8 ao 17 de marzo e ofrecen unha variada programación de eventos e actividades destinadas a promover a conciencia sobre os desafíos e avances no camiño cara á igualdade de xénero.
cartel_2
Allariz  presenta as súas XX Xornadas para a igualdade baixo o lema “Polo logrado, polo que queda, pola igualdade”
22 feb 2024

Allariz  presenta as súas XX Xornadas para a igualdade baixo o lema “Polo logrado, polo que queda, pola igualdade”, avalando o compromiso local coa igualdade de xénero. Tania Álvarez e Cristina Outeiriño, concelleira de Benestar Social e técnica de igualdade presentaron as as actividades organizadas para este 2024. Estas xornadas, que terán lugar do 8 ao 17 de marzo, ofrecen unha variada programación de eventos e actividades destinadas a promover a conciencia sobre os desafíos e avances no camiño cara á igualdade de xénero.

O venres 8 de marzo, Día Internacional da Muller, haberá unha concentración e manifesto institucional para a igualdade na Praza Maior de Allariz ás 12:00h na que están convidados a participar todos os colectivos de Allariz.

A fin de fomentar a reflexión sobre os roles e desigualdades de xénero, o sábado 9 de marzo ás 20:30 h na Casa de Cultura, teremos o monólogo de Bea Campos titulado “Marcho que teño que marchar”. A obra relata secretos sobre a súa familia mentres cociña, bebe e traballa entre cancións, coplas e conxuros. Un monólogo que se converte nun cesto trenzado de historias. A entrada é de balde e para público adulto.

As crianzas tamén terán o seu espazo co contacontos “Príncipas e princesos” o sábado 16 de marzo ás 18:00 h na Casa de Cultura. Este evento, dirixido a nenos ata os 10 anos, ofrecerá contos que promoven a igualdade de xénero.

A solidariedade tamén será protagonista ca II Carreira-andaina Solidaria pola Igualdade o domingo 17 de marzo ás 11:30 h, con saída dende a Praza Maior. Ademais de promover o deporte, esta actividade tamén busca recoller alimentos para Cáritas Allariz. Para participar nesta actividade deberás inscribirte no teléfono 988 55 40 59, enviando un mensaxe por WhatsApp ao 683 61 46 91, ou escribindo ao correo electrónico igualdade@allariz.gal . Tes ata o 15 de febreiro ás 14:00h ou ben poderás formalizar a túa inscrición o propio día da carreiras antes das 11:00h.

Ao rematar a carreira, ás 13:00 h, na Praza Maior, teremos o concerto de Aldaolado co seu espectáculo “ O Ben-Querer(Se), cheo de poesía, música, risas, amor e reflexións.