Asociacións veciñais de Ourense debaten na xornada ‘A forza do movemento asociativo’

A Agrupación Miño, que reúne a asociacións veciñais do rural e da periferia, organizou unha xornada de debate centrada na participación veciñal na provincia de Ourense, baixo o lema ‘A forza do movemento asociativo’. O encontro tivo lugar o 29 de outubro no Espazo Veciñal Casa da Maxia, situado na Praza da Ferrería, a partir das 11.00 horas.
Segundo explican dende a organización, esta cita nace con vontade de continuidade, co obxectivo de servir como punto de encontro periódico para examinar e impulsar a realidade do asociacionismo veciñal na provincia.
O programa incluíu un espazo de debate participativo no que tomaron parte distintas voces vinculadas ao mundo rural e asociativo. Entre as participantes estivo unha técnica do Instituto Nacional de Estatística (INE) en Ourense, María Freitas Seara, que ofreceu unha análise sobre a situación demográfica da provincia.
Tamén interveu un representante da Asociación Veciñal de Puxedo, no concello de Lobios, que compartiu a experiencia desta entidade na rehabilitación e posta en valor da súa aldea. Pola súa banda, un graduado social abordou as distintas formas de participación cidadá e o impacto social que xera o tecido asociativo no ámbito rural.
Un dos momentos do debate xirou arredor do papel dos carteiros rurais, coa intervención dun profesional do servizo en Luintra, que explicou as funcións que desempeñan nas zonas rurais e aproveitou para desmentir bulos relacionados co voto por correo.
A Federación de Asociacións da Ribeira Sacra (FEARS) tamén tivo representación na xornada, abordando as posibles consecuencias sociais negativas que, segundo a súa visión, podería acarrexar para a veciñanza a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade.
Pechou o bloque de intervencións a Asociación Veciñal S. Salvador de Camba, de Laza, que relatou a súa experiencia na recuperación e revalorización da vida comunitaria na súa zona.
Tras o debate, as persoas asistentes posaron para unha foto de grupo e compartiron un pequeno petisco, nun ambiente que a organización destaca como de intercambio e posta en común de experiencias entre os distintos colectivos.
A iniciativa, impulsada por Agrupación Miño, contou coa colaboración da Deputación de Ourense e da Concellería de Participación Cidadá do Concello de Ourense. Dende a directiva da entidade organizadora agradeceron a participación activa tanto dos poñentes como do público asistente, e valoraron de forma moi positiva o valor social deste tipo de encontros, que segundo sinalan, están chamados a ter continuidade como espazo estable de reflexión sobre a participación veciñal e o movemento asociativo na provincia.