Asotrame organiza en Ourense unha charla sobre doazón de medula ósea co testemuño dunha supervivente de cancro

Asotrame organiza esta tarde en Ourense unha charla divulgativa centrada na doazón de medula ósea, que terá lugar no local da Asociación de Veciños Vista Hermosa. O encontro conta co apoio da Deputación de Ourense e a colaboración da entidade veciñal.
Baixo o título ‘Como salvar unha vida a custo cero’, a cita comezará ás 19.00 horas e combinará información técnica con experiencias persoais. Alba García, traballadora social de Asotrame, será a encargada de explicar en que consiste o proceso de doazón de medula ósea, tamén coñecida como doazón de células nai do sangue, un xesto anónimo e solidario capaz de salvar vidas.
Durante a sesión lembrarase que, cando non existe un doador familiar compatible dende o punto de vista inmunolóxico, arredor do 70 % dos pacientes con leucemia, linfoma ou mieloma múltiple que precisan un transplante —por non teren respondido a outras liñas de tratamento— dependen de que o Redmo localice un doador voluntario compatible.
A charla contará ademais co testemuño de Flor Romero, supervivente dun mieloma múltiple, quen relatará a súa experiencia persoal e resolverá as dúbidas do público sobre o procedemento de doazón. Segundo se explica, na maioría dos casos este proceso é semellante a unha doazón de plaquetas por aférese, polo que se trata dun procedemento seguro e indoloro.
O acto está aberto a toda a cidadanía ourensana e servirá tamén para dar a coñecer o labor que desenvolve Asotrame Galicia, asociación de persoas con enfermidades oncohematolóxicas que leva activa dende a súa fundación no 2013.