Asotrame reforzará as accións de sensibilización sobre a doazón de medula en Ourense grazas ao apoio da Deputación

A Asociación galega de persoas con enfermidades oncohematolóxicas (Asotrame) reforzará durante este ano o seu programa de promoción da doazón de medula ósea “Reflexos de vida” na provincia de Ourense grazas ao apoio concedido pola Deputación provincial. Trátase da primeira vez que a entidade recibe financiamento desta institución para impulsar esta iniciativa.
A achega, que ascende a 4.766 euros, permitirá desenvolver diferentes accións de sensibilización dirixidas a distintos sectores da poboación co obxectivo de fomentar a doazón de medula ósea, un xesto altruísta, anónimo e universal que pode resultar decisivo para salvar vidas.
Asotrame é unha das entidades beneficiarias da convocatoria de subvencións da Deputación de Ourense destinada a organizacións sen ánimo de lucro que desenvolven proxectos de carácter social durante o ano 2026. O financiamento facilitará a posta en marcha de actuacións ao longo do ano para animar a que máis persoas de entre 18 e 40 anos se incorporen ao Rexistro Español de Doantes de Medula Ósea.
Dentro do programa “Reflexos de vida” organizaranse charlas tanto para público adulto como para alumnado de centros educativos. Nestas sesións, ademais da participación do equipo técnico da asociación, terá un papel destacado o testemuño de persoas superviventes de enfermidades oncohematolóxicas, como leucemias, linfomas, mielomas múltiples ou síndromes mielodisplásicos, que lograron superar a enfermidade grazas a un transplante de células nai do sangue procedentes dun doante compatible, tanto do Estado como doutros países.
A programación completarase coa instalación de mesas informativas en centros hospitalarios da provincia para ampliar o alcance da mensaxe en favor da doazón de medula e dar a coñecer o traballo que realiza a asociación. Neste sentido, Asotrame lembra que desde o pasado mes está presente de forma regular no Hospital Universitario de Ourense a través do programa de voluntariado “Apoio entre iguais”.
As actuacións previstas inclúen tamén campañas informativas nas redes sociais co propósito de seguir concienciando á cidadanía e contribuír a que ningún paciente que precise un transplante de medula, tras non responder a outros tratamentos, perda a vida por non atopar un doante compatible.
O impulso á doazón de medula constitúe un dos tres piares da actividade de Asotrame, xunto coa prestación de servizos destinados a mellorar a calidade de vida das persoas con cancro hematolóxico e das súas familias, e a colaboración coa investigación sanitaria.