Atrasada a saída da Cabalgata de Reis de Ourense
A Cabalgata de Reis de Ourense deste domingo, día 5 de xaneiro, sairá finalmente desde o Pavillón dos Remedios ás 18.00 horas, e avanzará polas rúas Progreso, Alameda (18.45 - 19.00 horas) e Praza Maior, onde terá lugar a recepción real sobre as 19.30 horas.
Á vista das últimas previsións climatolóxicas que prevén intensas chuvias para este domingo pola tarde, o Concello activa este plan alternativo, coa finalidade de garantir as mellores condicións posibles para o desenvolvemento da actividade, especialmente para a ampla comitiva de animación, formada por máis de 200 persoas, que acompañarán os Reis no seu itinerario pola cidade.
A saída desde o Pavillón evita a longa espera nos preparativos baixo a previsible chuvia antes do inicio da ruta, de xeito que todos os participantes estarán resgardados na instalación municipal. Tamén evita o paso por unha zona que xa non tería publico como é a Ponte do Milenio e deixa aberta a posibilidade de axustar uns minutos a saída se as condicións climatolóxicas o fan recomendable.