Avante Ourense propón instalar puntos violeta fixos cada fin de semana nas zonas de lecer nocturno

A Secretaría de Feminismo de Avante Ourense trasladou ao Concello de Ourense, á Deputación Provincial e á Xunta de Galicia unha proposta para pór en marcha unha rede estable de puntos violeta na cidade, co obxectivo de reforzar a prevención de agresións sexuais nos ámbitos do lecer nocturno.
Segundo explica a formación, a idea xorde da necesidade de ampliar a cobertura destes dispositivos máis aló das grandes celebracións, de xeito que acompañen tamén ás festas de barrio, verbenas, concertos e, sobre todo, ás noites de fin de semana nas zonas onde se concentra maior afluencia de público.
Os puntos violeta, tal e como os plantexa Avante Ourense, ofrecerían información sobre violencia sexual, consentimento e submisión química, ademais de repartir materiais preventivos de forma gratuíta, como protectores para evitar a manipulación de vasos e bebidas. Estes espazos estarían atendidos por persoal con formación específica, capaz de dar unha primeira atención e acompañamento a mulleres que se atopen nunha situación de acoso ou agresión.
A secretaria de Feminismos da formación, Silvia Fernández, defendeu que estes dispositivos non deben reducirse a unha carpa puntual durante as festas grandes, senón manterse activos tamén os fins de semana, nos espazos onde as mulleres saen e gozan da cidade. Nas súas declaracións, subliñou que “as mulleres teñen dereito a gozar da noite, das festas e dos espazos públicos sen medo” e engadiu que “a súa seguridade non pode depender exclusivamente das precaucións individuais que adopte cada unha”.
Máis aló do despregamento físico dos puntos violeta, a proposta inclúe un apartado comunicativo: Avante pide ás tres administracións que as súas canles oficiais difundan semanalmente información sobre prevención das violencias sexuais, recursos dispoñibles e localización destes dispositivos. Tamén reclama campañas de sensibilización periódicas, que non queden limitadas a datas sinaladas como o 8 de marzo ou o 25 de novembro.
En canto ao reparto de responsabilidades, a formación plantexa que sexa o Concello quen asuma a creación e xestión da rede municipal, mentres que a Deputación achegaría financiamento, formación e medios materiais, e a Xunta encargaríase do asesoramento técnico e do respaldo económico e formativo.
Avante Ourense insiste en que a proposta só será viable se as tres administracións actúan de forma coordinada e destinan unha partida orzamentaria que garanta a súa continuidade no tempo. Por iso, pediu formalmente a cada unha delas que estuden a proposta e se pronuncien sobre a súa disposición a colaborar no seu desenvolvemento.