Avante Ourense reclama contundencia ante as agresións sexuais nos centros educativos no inicio do curso

GaliciaXa | OurenseXa
A organización pide que a Inspección Educativa actúe con rapidez e rigor e que a protección das vítimas estea por diante de calquera outra consideración
marcha-mundial-das-mulleres-pancarta-ies-xulio-prieto-nespereira
30 Aug 2026

Avante Ourense trasladou o seu apoio ao profesorado e aos equipos docentes de Galicia con motivo do inicio este martes 1 de setembro do curso escolar 2026/2027, ao tempo que reclamou unha resposta "contundente" ante calquera agresión ou violencia de natureza sexual nos centros educativos.

A organización lamenta que o persoal docente afronte un novo curso marcado, ao seu xuízo, polos recortes e pola perda de recursos no ensino público, mentres debe responder a necesidades educativas e sociais cada vez máis complexas. Neste sentido, reivindica un sistema público dotado dos medios humanos e materiais necesarios e no que o profesorado conte cun apoio efectivo por parte da Administración.

Avante Ourense considera, ademais, que o curso 2026/2027 debe marcar "un antes e un despois" na resposta ante posibles situacións de violencia ou agresión sexual nos espazos educativos. A formación reclama que os centros sexan lugares seguros e que calquera indicio sexa investigado con rapidez, rigor e todas as garantías.

Como exemplo, a organización menciona as denuncias públicas realizadas pola Marcha Mundial das Mulleres arredor do IES Xulio Prieto Nespereira, nas que o colectivo reclamou actuacións ante posibles situacións de violencia machista e cuestionou a resposta da Administración educativa.

Para Avante Ourense, este tipo de denuncias poñen de manifesto a necesidade de actuar desde o primeiro momento e de situar no centro a protección e o acompañamento das persoas afectadas. A organización reclama que os protocolos se activen de maneira inmediata e que a Inspección Educativa interveña con eficacia.

"Esperamos que neste curso calquera agresión sexual sexa condenada con absoluta contundencia. Os centros educativos teñen que ser espazos seguros e ante unha agresión sexual non caben silencios, minimizacións nin respostas insuficientes", sinalou Francisco Diéguez.

O representante de Avante Ourense engadiu que "os protocolos deben activarse desde o primeiro momento, a Inspección debe actuar con eficacia e a protección, seguridade e benestar da vítima deben estar sempre por diante de calquera outra consideración".

A organización considera imprescindible que a Inspección Educativa actúe con rapidez, eficacia e rigor ante calquera indicio de violencia, garantindo o cumprimento dos protocolos, a adopción das medidas necesarias e o seguimento posterior dos casos.

Avante Ourense quixo finalizar trasladando "moita forza e ánimo" ao profesorado e ao persoal dos centros educativos de Galicia ante o comezo do novo curso e reafirmando o seu compromiso coa defensa dun ensino público de calidade, con recursos suficientes e seguro para todo o alumnado.

0.16019511222839