Avante Ourense reclama reforzar as políticas públicas de vivenda tras o desafiuzamento dunha muller de 87 anos en Madrid

Avante Ourense fixo un chamamento a reforzar as políticas públicas de vivenda a raíz do desafiuzamento dunha muller de 87 anos, identificada como Maricarmen, desaloxada este mércores en Madrid da vivenda na que residira durante máis de 70 anos. O lanzamento executouse nun cuarto intento, pese á mobilización veciñal e ás distintas propostas formuladas para tentar evitalo.
A formación sostén que o ocorrido evidencia a necesidade de contar con ferramentas públicas máis sólidas para previr este tipo de situacións, e non só de intervir unha vez consumado o desaloxo. Por iso, Avante Ourense adianta que defenderá no ámbito municipal o reforzo da intervención dos Servizos Sociais ante casos de desafiuzamento, a creación de mecanismos de mediación urxente, alternativas habitacionais dignas para as persoas afectadas e a ampliación dun verdadeiro parque público de vivenda.
O partido encadra esta proposta na crítica ao xeito en que as distintas administracións xestionaron o caso de Maricarmen. Segundo explican, o Goberno central, presidido por Pedro Sánchez, a Comunidade de Madrid, liderada por Isabel Díaz Ayuso, e o Concello de Madrid mantiveron un intercambio de reproches mutuos sen que ningunha das partes activase unha solución antes do desaloxo.
Avante Ourense móstrase especialmente crítica con Sumar, integrante do Executivo estatal, ao que reprocha reclamar agora medidas como a expropiación da vivenda cando o desafiuzamento xa se produciu. A formación considera que esa presión política debería exercerse con anterioridade, e pregunta directamente a Sumar que consecuencias políticas está disposta a asumir se entende que o Goberno do que forma parte non está a actuar de forma suficiente en materia de vivenda.
O voceiro da formación, Francisco Diéguez, advirte de que un país no que unha muller de 87 anos é desaloxada en padiola mentres as administracións discuten sobre competencias reflicte un fracaso institucional. Diéguez engade que, se este é o modelo de actuación que Sumar e as súas confluencias trasladan tamén a Ourense, cómpre cuestionarse que queda dunha política de esquerdas que só reacciona cando o dano xa está feito.
Con este planteamento, Avante Ourense sitúa o debate sobre vivenda como unha das súas liñas de traballo tamén a nivel local, insistindo en que as administracións deben actuar de forma preventiva e non só mostrar indignación unha vez producidos os feitos.