Avanzan as obras na rúa do Progreso coa mellora do firme e das beirarrúas

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá a rúa Progreso para comprobar o avance das obras de reforma que se están a executar neste punto. Esta actuación forma parte dun proxecto máis amplo de mellora de 13 travesías urbanas de titularidade autonómica, cun investimento global que supera os 2,8 millóns de euros.
Durante a visita, o representante autonómico explicou que este plan inclúe intervencións en distintas vías da cidade, entre as que se atopan rúas como Río Arnoia, Progreso, Emilia Pardo Bazán, parte da rúa Velázquez, Bispo Lorenzo, Coruña, Peña Trevinca (no tramo autonómico), estrada do Seminario, Sáenz Díez, avenida Bos Aires, Isaac Piñeiro Varela, Pena do Vado, avenida de Ponferrada e avenida de Zamora.
Segundo indicou, os traballos céntranse principalmente na mellora do firme das calzadas e das beirarrúas, incorporando tamén actuacións complementarias en drenaxe, sinalización horizontal e balizamento, co obxectivo de reforzar a seguridade viaria e a accesibilidade.
No caso concreto da rúa Progreso, Pardo detallou que se están levando a cabo melloras nas beirarrúas, coa instalación de baldosas podotáctiles nos pasos de peóns, a substitución de elementos deteriorados e a renovación completa dun tramo entre o cruzamento con Marcelo Macías e a rúa Domingo Fontán. Tamén se están realizando actuacións no illote do cruzamento coa rúa Lugo e ampliacións no entorno da intersección coa rúa Reza.
Ademais, están previstas intervencións noutros puntos como a elevación de pasos de peóns en diferentes cruces e a mellora da accesibilidade na contorna de varios itinerarios peonís. Neste sentido, o delegado territorial explicou que xa se executaron actuacións previas en rúas como Emilia Pardo Bazán, Peña Trevinca e Coruña, así como melloras na estrada do Seminario, onde se levaron a cabo traballos en infraestruturas de saneamento e abastecemento.
Manuel Pardo avanzou tamén que, unha vez finalizadas as obras na rúa Progreso, os traballos continuarán noutras vías como a avenida de Zamora, así como en novos asfaltados previstos para o mes de maio en rúas como Emilia Pardo Bazán, Peña Trevinca no seu tramo autonómico, avenida da Coruña e avenida de Ponferrada.
O delegado territorial enmarcou estas actuacións na aposta da Xunta pola conservación e mellora da rede viaria autonómica, destacando a súa importancia para a vertebración territorial e a mobilidade. Neste sentido, lembrou que o Goberno galego destinou este ano 68 millóns de euros á conservación destas infraestruturas, incluíndo tamén os viarios urbanos.
Pardo concluíu sinalando que o obxectivo destas intervencións é manter as estradas en condicións óptimas, facendo as vías máis seguras, cómodas e accesibles para a cidadanía.