Avanzan os traballos no futuro Centro de Ciberseguridade de Galicia en San Cibrao das Viñas

GaliciaXa | OurenseXa
Cun investimento de 6 millóns de euros procedentes de fondos europeos, o complexo busca converter Galicia nun territorio de vangarda das novas tecnoloxías
obras-centro-ciberseguridade-san-cibrao
15 Apr 2026

A Xunta pon en valor o futuro Centro de Ciberseguridade de Galicia (CECIGA) como unha infraestrutura clave para situar Galicia como referente nas novas tecnoloxías, así como un espazo de encontro e apoio a iniciativas de ciberseguridade, especialización e colaboración coas deputacións provinciais e entidades locais, universidades, centros tecnolóxicos e de innovación, e o tecido empresarial do sector.

Así o salientaron o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, durante unha visita ás obras do centro en San Cibrao das Viñas (Ourense).

A ciberseguridade é un elemento “central e estratéxico do proceso de transformación tecnolóxica que temos en marcha en Galicia”, subliñou o conselleiro de Facenda, quen asegurou que o CECIGA será clave no fortalecemento da ciberseguridade na administración pública, nas empresas e para a cidadanía. Ademais, Corgos sinalou que o centro apoiará a innovación no sector produtivo e impulsará o desenvolvemento do talento especializado nesta materia. Por iso, explicou, o proxecto deseñouse cunha dobre perspectiva: a colaboración público-privada e a especialización, para o que contará con dous laboratorios, un para produtos con elementos dixitais e outro para a protección de infraestruturas e procesos produtivos fronte a riscos dixitais.

O novo centro de San Cibrao das Viñas, insistiu, será clave na estratexia global de consolidar Galicia como unha rexión de vangarda das novas tecnoloxías. “Somos xa referente na intelixencia artificial”, lembrou o conselleiro de Facenda, “ao ser a primeira rexión de Europa en aprobar unha lei para a supervisión da intelixencia artificial e contar coa sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA)”. Coa construción do CECIGA, concluíu Miguel Corgos, “queremos que Galicia sexa tamén unha referencia en ciberseguridade”.

Pola súa banda, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, explicou que as obras do edificio se atopan ao 40 % da súa execución total e que a súa finalización, segundo estiman os técnicos, prevese para despois do verán.

O centro, que conta cun orzamento de 6 millóns de euros procedentes de fondos europeos, caracterízase polas súas peculiaridades e complexidade na execución, o que supuxo, segundo o Goberno galego, o atraso da súa finalización. Trátase dunha estrutura ultralixeira, desmontable, cunha envolvente lixeira e acristalada.

Allegue destacou que este “non é un edificio administrativo convencional, pois ten unha arquitectura singular que busca eficacia operativa, seguridade, flexibilidade dos espazos e unha boa relación coa contorna”.

O complexo consta de catro bloques arredor dun espazo central de acceso e circulación, o que permite acoller un programa mixto, é dicir, con capacidade para realizar operacións de ciberseguridade, dispoñer de laboratorios e espazos para formación ou reunións.

0.14168119430542