Avión celebra este venres a XX Festa Mexicana para homenaxear os seus vínculos coa emigración

O Concello de Avión celebrará este venres, 7 de agosto, a vixésima edición da Festa Mexicana, unha cita consolidada no calendario estival que rende homenaxe aos emigrantes do municipio e aos estreitos vínculos históricos que unen Avión con México.
A Praza da Igrexa converterase no escenario dunha celebración pensada para todos os públicos, cun programa que combinará música de mariachis en directo, propostas de gastronomía mexicana, actividades gratuítas para o público infantil e outras iniciativas festivas ao longo da tarde e da noite.
O alcalde de Avión, Antonio Montero, anima á veciñanza e aos visitantes a participar nesta celebración, destacando que se trata dunha festa “que xa forma parte da identidade do noso concello” e convidando a compartir unha xornada de convivencia en familia e con amigos.
O rexedor quixo tamén agradecer a colaboración do cónsul honorario de México en Galicia, Alfonso Pereira, polo seu apoio e implicación na organización da festa. Así mesmo, recoñeceu a participación dos restaurantes colaboradores, cuxa achega contribúe a facer posible unha celebración que, segundo sinalou, reforza os históricos lazos de amizade entre Avión e México.