AVOU pide actuar contra as causas da violencia machista e sitúa a educación como piar fundamental

Con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a formación Avante Ourense (AVOU) fixo público un comunicado no que renova o seu compromiso na loita contra todas as formas de violencia machista, defendendo unha sociedade na que as mulleres poidan desenvolverse con plena liberdade, autonomía e sen medo.
Desde a Secretaría de Feminismos da formación defenden que este tipo de violencia non debe entenderse como un asunto privado nin como unha problemática illada, senón como unha realidade de carácter estrutural que esixe unha resposta firme desde o ámbito político, social e institucional. Nesa liña, sosteñen que condenar os episodios de violencia unha vez ocorridos resulta insuficiente se non se aborda, ao mesmo tempo, todo aquilo que permite que se sigan producindo.
O comunicado tamén dedica un apartado á prostitución, á que vinculan directamente coas desigualdades económicas e sociais que condicionan a vida de numerosas mulleres. Desde a formación advirten de que non se pode asumir con normalidade que o corpo das mulleres se trate coma un ben de intercambio, nin tampouco equiparar a liberdade de elección coa falta de alternativas reais. Segundo remarcan, a precariedade económica e as desigualdades de partida inflúen de maneira decisiva nas decisións que poden tomar moitas mulleres.
A formación outorga ademais un papel central á educación dentro de calquera estratexia orientada a transformar a sociedade. Ao seu xuízo, formar en igualdade, no respecto mutuo, no consentimento e en vínculos libres de violencia resulta esencial para previr actitudes machistas desde as primeiras etapas da vida.
Silvia F., en representación da Secretaría de Feminismos, explicou que "precisamos cuestionar os discursos que banalizan a violencia, desmontar os estereotipos de xénero e traballar para que as novas xeracións medren entendendo que ningunha relación pode construírse desde a dominación ou a desigualdade". E engadiu que "a educación non pode limitarse a intervencións puntuais: debe ser unha aposta permanente".
Por último, desde AVOU insisten en que o combate contra a violencia machista non pode limitarse a unha data sinalada, senón que debe prolongarse ao longo de todo o ano mediante medidas concretas, dotación suficiente de recursos públicos, labor preventivo e acompañamento ás vítimas. Nas palabras da propia Silvia F., "non queremos mulleres sobrevivindo á violencia. Queremos mulleres vivindo en liberdade", lembrando que o 25N é unha xornada para a memoria e a reivindicación, pero que a igualdade esixe un esforzo diario.