Baltar, condenado por conducir a máis de 200 quilómetros por hora
O expresidente da Deputación de Ourense e senador do Partido Popular, José Manuel Baltar, foi condenado polo Tribunal Supremo por conducir a máis de 200 quilómetros por hora no ano 2023 cun coche oficial da Deputación de Ourense na A-52.
A pesar de que o exlíder negou os feitos durante o xuízo, segundo os maxistrados do Supremo, as probas son contundentes. Por iso, condenaron a Manuel Baltar a pagar unha multa de 1.800 euros e, ademais, foi privado do carné de conducir.
Os feitos tiveron lugar en abril de 2023, cando aínda ocupaba o cargo de presidente provincial, ao que chegara en 2012 para continuar o legado do seu pai, José Luis Baltar. Un radar da Garda Civil de Tráfico detectou o exmandatario provincial conducindo a 215 quilómetros por hora á altura de Zamora, feito polo que foi, nese momento, parado e multado polas autoridades.
Lonxe de provocar a súa saída do partido, Baltar anunciou a súa retirada á fronte da Deputación de Ourense, pero seguiu un tempo liderando o partido na provincia. Foi, ademais, nomeado senador do PP en xullo de 2023, cargo que non evitou que tivera que responder ante a xustiza por un delito contra a seguridade viaria despois de que 249 senadores dos 251 presentes na sala votasen, o pasado mes de abril, a favor de retirarlle o aforamento ao senador por designación do Parlamento de Galicia.
O legado dos Baltar
Máis de trinta anos estivo a provincia de Ourense gobernada pola familia Baltar. Pai e fillo foron, sen dúbida, os dous principais representantes do PP na historia da provincia.
Unha pegada que aínda permanece, xa que foi precisamente Baltar fillo quen propuxo o nomeamento de Luis Menor como o seu substituto na Deputación, e ao que cualificou nese momento como o “candidato ideal”. Un nomeamento tamén apoiado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que apelaba á “xenerosidade” de Baltar para ceder o cargo que ostentaba desde 2012.
Pese a que Baltar leva máis dun ano afastado dos focos, especialmente na provincia de Ourense, fai apenas unha semana o histórico barón do PP achegábase a Fitur para acompañar aos antes mencionados, Alfonso Rueda e Luis Menor, na presentación da campaña da Deputación de Ourense.