Baños de Molgas acollerá un obradoiro de baile tradicional galego para nenos e nenas no Parque Ansuíña

O Concello de Baños de Molgas organiza o vindeiro domingo 7 de xuño un obradoiro de baile tradicional galego dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 13 anos, que se desenvolverá no Parque Ansuíña.
A actividade será impartida por Manu Gómez, Sindy Caneiro e Noa Gómez, baixo a coordinación de Os Xuncos, nunha proposta que busca achegar a música e o baile tradicional galego ás xeracións máis novas a través dunha experiencia práctica e participativa.
As inscricións poden realizarse no propio Concello de Baños de Molgas ou no teléfono 988 43 00 00.
Esta iniciativa enmárcase no proxecto cultural ‘Tecedora SóLODOS’, impulsado pola compañía de danza SóLODOS e financiado no marco das axudas Territorio Cultura da Xunta de Galicia. O programa desenvolverase ata o mes de setembro en cinco concellos, levando actividades culturais a distintos espazos do rural galego.
En concreto, o proxecto inclúe propostas en Baños de Molgas, Melón, Nogueira de Ramuín e Xunqueira de Espadanedo, na provincia de Ourense, así como en Portomarín, na provincia de Lugo. O obxectivo é achegar a cultura ao medio rural, fomentar a participación da veciñanza e dinamizar a vida comunitaria a través de diferentes disciplinas artísticas.