Baños de Molgas encherá agosto de deporte, música, teatro e actividades para todos os públicos

OurenseXa
O municipio presenta unha ampla programación estival con propostas culturais, festivas e de lecer que se desenvolverán ao longo de todo o mes
Imaxe de nenos de Culleredo xogando no campamento de verán do ano 2022
30 Jul 2026

Baños de Molgas afronta o mes de agosto cunha intensa axenda de actividades pensada para todos os públicos. O programa combina deporte, música, espectáculos, cine ao aire libre, tradición e propostas infantís, convertendo diferentes espazos do municipio en escenarios de encontro e convivencia durante todo o verán.

A programación dará comezo o sábado 1 de agosto cun campionato de billarda na Pitadiña, ao que seguirá unha cea popular no Parque Ansuíña e a actuación musical de Son do Arnoia, que porá o broche á primeira xornada festiva.

A música volverá ter protagonismo o luns 3, coa actuación da Escola de Música Tradicional no Parque Ansuíña, mentres que o martes 4 estará dedicado ás actividades deportivas e familiares. A piscina municipal acollerá unha xincana acuática, as canchas municipais serán escenario dun torneo de cachibol e a xornada concluirá coa proxección de "Rondallas", dentro do ciclo de cine na rúa.

O mércores 5 as rúas da vila encheranse de animación coa presenza de Señor Lili e a súa bicicleta discoteca. Ao día seguinte, 6 de agosto, celebraranse os actos relixiosos na honra de San Salvador, con misa, procesión e a participación da Banda de Ramirás, ademais dunha actuación musical no Parque Ansuíña.

O programa continuará o 7 de agosto cun concerto da Coral Ansuíña na igrexa de San Salvador, mentres que o sábado 8 combinará deporte e festa coa XVII Carreira Popular San Salvador e a actuación da Charanga Baniños Band.

A oferta completarase o domingo 9 co espectáculo de danza e circo Recorrido Solo2, o luns 10 coa festa Chuches a Mil, o mércores 12 cunha sesión de teatro e baile a cargo de Animar-T, e o venres 14 co espectáculo de maxia Hocus Pocus, protagonizado polo Mago Paco en Almoite.

Desde o Concello animan á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nunha programación deseñada para dinamizar o municipio e ofrecer alternativas de lecer ao longo de todo o mes de agosto.

0.12863993644714