Barba fixo un chamamento a non baixar a garda ante os malos tratos no foro de igualdade de Celanova

OurenseXa
O director xeral tamén apuntou que a nosa comunidade está a ser pioneira en España e Europa co impulso da primeira Lei de medidas integrais contra o acoso e a violencia dixital
foro-mulleres-rurais-ourense
18 Apr 2026

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, fixo un chamamento ao conxunto da sociedade a manterse activos e non baixar a garda fronte aos malos tratos ás mulleres porque combatelos é tarefa de todos, ao tempo que avogou por seguir reforzando a prevención e a sensibilización. Así o sinalou no XXII Foro da Igualdade organizado por Mulleres Rurais de Ourense, que estivo centrado na concienciación, a prevención e o cambio fronte ás violencias machistas.

Na súa intervención, Roberto Barba destacou que a Xunta de Galicia segue a reforzar, ano tras ano, as medidas e recursos para facer fronte a todo tipo de agresións contra a vida e a dignidade das mulleres. Neste sentido, referiuse ao mantemento da prestación periódica as vítimas, única deste tipo en España, así como ao reforzo da Rede galega de acollemento ou á posta en marcha dos Centros de Información á Muller (CIM) móbiles, para achegar información en materia de xénero e igualdade aos concellos rurais que non teñen un servizo destas características e aos campus universitarios.

O director xeral tamén apuntou que a nosa comunidade está a ser pioneira en España e Europa co impulso da primeira Lei de medidas integrais contra o acoso e a violencia dixital de Galicia, que nestes momentos e ata o vindeiro día 8 de maio está en consulta pública para que particulares, entidades e organismos interesados presenten as súas alegacións ao texto.

Roberto Barba explicou que esta norma específica contempla, entre outras novidades, a posta en marcha por parte da Xunta dun plan de formación especializada destinado a todos os axentes sociais que participan na atención directa ás vítimas de violencia dixital. Ademais, a Lei garantirá a asistencia xurídica gratuíta para as vítimas en todo momento e prevé a posta en funcionamento dun novo servizo para a eliminación daquela materia dixital accesible en rede que se usou como instrumento de acoso ou de violencia dixital.

Por último, o director xeral avogou por continuar traballando no ámbito da prevención e da sensibilización en todos os da sociedade e en todas as franxas de idade, en especial entre a xente nova, para eliminar comportamentos machistas que aínda persisten, fomentar o bo trato e dar novos pasos cara a igualdade entre mulleres e homes

0.12156009674072