Barbadás abre a convocatoria de axudas de ata 1.000 euros para quen montase o seu negocio

OurenseXa
O Concello destina 20.000 euros a subvencionar a posta en marcha de negocios dados de alta entre abril de 2024 e decembro de 2025, cun prazo de dez días hábiles para solicitalas
concello_barbadas_recurso
17 Nov 2026

O Concello de Barbadás puxo en marcha unha nova edición do seu programa de axudas para o fomento da creación de empresas, correspondente ao exercicio 2026. A convocatoria, publicada no Boletín Oficial da Provincia de Ourense, busca impulsar a xeración de emprego no municipio apoiando a quen decidiu dar o paso de emprender un proxecto propio.

Segundo recolle o texto, o obxectivo destas axudas é contribuír de forma activa á creación de actividade económica en Barbadás, respaldando a posta en marcha de novos negocios e fomentando, ademais, a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres á hora de emprender.

Quen pode solicitala

Poderán acceder a estas subvencións tanto empresarios individuais como pequenas e medianas empresas, con independencia da súa forma xurídica, sempre que iniciasen a súa actividade entre o 1 de abril de 2024 e o 31 de decembro de 2025. Considerarase como data de inicio a da alta censal ante a Axencia Tributaria (a través dos modelos 036 ou 037) ou, se é o caso, a de alta no imposto de actividades económicas. Para determinar se unha entidade ten a consideración de peme aplicaranse os criterios fixados na normativa europea correspondente.

Contía das axudas

O Concello poderá cubrir ata o 50 % dos gastos subvencionables que se acrediten debidamente para a posta en marcha do negocio, cun límite máximo de 1.000 euros por persoa ou entidade beneficiaria. En total, a partida municipal destinada a este programa ascende a 20.000 euros con cargo aos orzamentos de 2026, polo que a concesión final das axudas quedará suxeita á dispoñibilidade de crédito no momento de resolver a convocatoria.

Prazo para presentar a solicitude

O prazo para presentar as solicitudes é de dez días hábiles a contar desde o martes 17 de novembro, día seguinte á publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Ourense. Quen estea interesado pode consultar toda a documentación e as bases completas do programa a través da Base de Datos Nacional de Subvencións.

0.15337491035461