Barbadás abre as inscricións para un Campamento Dixital Intensivo dirixido á rapazada de 9 a 13 anos

O Concello de Barbadás organizará os vindeiros 2 e 3 de setembro un Campamento Dixital Intensivo destinado a rapaces e rapazas de entre 9 e 13 anos. A actividade desenvolverase en horario de 10.00 a 14.00 horas no Espazo Infantil do Parque da Solaina.
O campamento estará centrado no desenvolvemento de competencias dixitais, ofrecendo á mocidade participante formación e ferramentas relacionadas co uso das novas tecnoloxías.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 24 de xullo. As persoas interesadas poderán formalizar a súa participación chamando ao teléfono 988 000 234 ou enviando un correo electrónico a xuventude@barbadas.es.