Barbadás abre mañá as piscinas municipais e incorpora unha cadeira para persoas con mobilidade reducida

Barbadás iniciará mañá a temporada estival coa apertura das piscinas municipais, que permanecerán operativas ata o 13 de setembro tras os traballos de posta a punto realizados nas últimas semanas polo goberno local.
As actuacións incluíron a renovación dunha das bombas do sistema de filtración, o pintado do bordo da piscina de adultos, a reparación de lousas e a reorganización de zonas de céspede, co obxectivo de mellorar o estado xeral das instalacións de cara aos meses de maior afluencia.
A principal novidade desta campaña é a instalación dunha cadeira de acceso ao vaso que permitirá o baño autónomo de persoas con mobilidade reducida. O sistema, de funcionamento sinxelo e asistido por mando, está pensado para facilitar a entrada e saída da auga con maior seguridade e independencia.
Desde o Concello destacan que se trata dunha medida orientada a reforzar a accesibilidade do complexo deportivo e a favorecer o uso das instalacións por parte de toda a veciñanza.
Ademais, o goberno local confirmou que xa conta cunha subvención da Xunta de Galicia para levar a cabo a renovación integral dos vestiarios, unhas obras que se executarán ao remate da actual temporada de verán.
As entradas e bonos para o acceso ás piscinas poden adquirirse tanto a través da aplicación municipal como da páxina web do Concello.