Barbadás acollerá o 3 de maio unha andaina solidaria a favor de ALCER Ourense

OurenseXa
Será o vindeiro domingo 3 de maio e as inscricións permanecerán abertas ata o 29 de abril
andaina-nosa-aldea-barbdas
24 Apr 2026

A Asociación veciñal “Nosa Aldea de Barbadás” celebrará o vindeiro domingo 3 de maio a súa sexta andaina solidaria, que nesta edición terá como entidade beneficiaria ALCER Ourense, centrada no apoio ás persoas con enfermidade renal crónica.

A actividade, que coincide coa celebración do Día da Nai, dará comezo ás 9:00 horas desde o Centro de Información á Muller (CIM) de Barbadás. As inscricións permanecerán abertas ata o 29 de abril e poderán formalizarse a través dunha páxina web habilitada para o evento ou no teléfono 649 153 152.

A organización ofrece dúas rutas de 8 e 16 quilómetros, pensadas para distintos niveis de participación, que discorren por espazos naturais do municipio e permiten coñecer a súa riqueza paisaxística e arquitectónica.

O custo da inscrición é de 12 euros para persoas adultas e de 5 euros para menores de ata 11 anos. A recadación destinarase á sensibilización sobre a doazón, a prevención e o coidado da saúde renal, ademais de apoiar o labor de acompañamento que realiza ALCER Ourense.

Dende a asociación veciñal destacan que esta iniciativa non só busca recadar fondos, senón tamén promover a convivencia e dinamizar a vida comunitaria no rural. Segundo sinalan, a elección de ALCER Ourense responde tamén á experiencia directa de persoas da contorna que recibiron apoio da entidade tras ser diagnosticadas con enfermidade renal crónica.

En edicións anteriores, a andaina solidaria estivo dedicada a outras causas como a esclerose ou a diabetes, mantendo así unha liña de compromiso social continuado.

 

0.12537217140198