Barbadás adía o concerto de Mercedes Peón para o 3 de setembro por previsión de choiva

O Concello de Barbadás decidiu adiar o concerto de Mercedes Peón, previsto en principio para este xoves, ata o vindeiro 3 de setembro. O motivo é a previsión de abundante choiva nos próximos días. A cita, incluída na programación do Verán Cultural de Barbadás, celebrarase o xoves da vindeira semana, mantendo o mesmo horario e lugar habituais: as 21.00 horas no Parque dos Patos da Valenzá. Con este cambio, o goberno local busca garantir que o espectáculo se desenvolva nas mellores condicións posibles, tanto para o público como para os equipos técnicos e artísticos implicados.
Mercedes Peón, unha das artistas galegas de maior proxección no panorama musical nacional e internacional, chegará a Barbadás para presentar 'Deixaas', o seu último traballo discográfico. Trátase dunha proposta concibida coma un auténtico laboratorio sonoro, na que conviven a pandeireta, sintetizadores, piano, voz, saxofón e sons reais tomados da construción naval, xunto á voz máis pura do cante popular galego. Sobre o escenario, Peón estará acompañada de Ana Fernández e Mónica de Nut, nun espectáculo descrito coma sobrecolledor e accesible, onde confluúen con mestría distintas linguaxes sonoras e estéticas moi recoñecibles.