Barbadás celebra o seu 1º Festival de Bandas de Música na avenida de Celanova

A Escola de Música Municipal de Barbadás organiza a primeira edición do Festival de Bandas de Música A Valenzá-Barbadás, unha nova proposta cultural que reunirá tres formacións musicais na localidade.
No encontro participarán a Banda de Música de Verín, a Banda de Música Xuvenil de Celanova e a Banda de Música Cultural de Barbadás, que serán as encargadas de ofrecer as actuacións programadas para esta primeira edición do festival.
A cita celebrarase este sábado, 6 de xuño, ás 19:00 horas, na avenida de Celanova, no tramo comprendido entre o supermercado Froiz e o bar Brétema, na Valenzá.
Dende a organización destacan que esta iniciativa nace co obxectivo de promover a música de banda e dinamizar a vida cultural do municipio, reunindo diferentes formacións da contorna nun mesmo escenario ao aire libre.